As ferreñas son instrumentos idiófonos que poden ser planos ou semellantes a pandeiretas sen pel, é dicir, constan dun marco de madeira onde se insiren discos de metal, que tamén se denominan ferreñas, de aí probablemente o nome deste instrumento. Eran empregadas para acompañar aos pandeiros con quen formaban unha parella indisoluble, como tantas coplas da nosa lírica deixan claro. Estes instrumentos tiveron tamén un uso ritual nas danzas documentado a través de contratos moi antigos que se facían aos denominados “ferreñeiros”, personaxes que mesmo chegaron ata mediados do século XX, por exemplo na Danza de Espadas de Marín.