Un dos nosos traballos de investigación centrouse na recuperación da Requinta da Ulla, un tipo de frauta traveseira dunha chave deseñada para tocar coas gaitas de fol que só aparece no Val do río Ulla. Xunto con Santiago Otero e outros membros do grupo A Requinta de Xián, medimos, fotografamos e analizamos case trinta requintas antigas, practicamente todas saídas do obradoiro de García de Riobó (Berres, A Estrada); documentamos as historias de tódolos grupos de requinteiros da Ulla e gravamos e recuperamos unha parte moi importante do seu repertorio. Tedes as gravacións dispoñibles no noso arquivo. Froito deste traballo foi tamén a edición de dous discos: “A Requinta de Xián” e “Feita en Riobó” que podedes obter na sección de discos. 

Este traballo de investigación valeunos para obter o Diploma de Estudos Avanzados na USC, e recibiu o premio de Investigación Marqués de Lozoya do Ministerio de Educación e Ciencia. Unha parte do resultado desta investigación foi publicada nas actas do I Congreso de Ensinantes organizado pola Asociación de Gaiteiros Galegos, podédelo consultar na sección de bibliografía. 

Para completar a recuperación deste fermoso instrumento poñemos á vosa disposición copias de calquera das requintas que documentamos. 

En toda Galiza tamén se empregaron pequenas frautas traveseiras, denominadas frautíns ou pínfanos, ben para entrenarse para tocar a gaita de fol, ben para acompañar ás propias gaitas. Ofrecémosvos réplicas de varios modelos tradicionais que saían tamén do obradoiro de Riobó.