Ensinamos a construír instrumentos musicais de moi diversa índole, dende aqueles que son moi sinxelos, adecuados para facer con nenos e que damos fora do noso obradoiro, ata cursos máis especializados de construción de gaitas de fol ou de frautas traveseiras, que teñen varios días de duración e que impartimos no noso obradoiro. Tamén, como ves, ensinamos a facer palletas e incluso a aturuxar.

Neste apartado podes ver as ofertas que podes contratar contactando con nós, ou tamén que cursos dos que damos no noso obradoiro están actualmente en prazo de matrícula.

Curso de fabricación de gaitas de fol

Este curso de 50 horas que realizamos no noso obradoiro consiste na aprendizaxe de todas as técnicas necesarias para a construción dunha gaita de fol, dende o taqueado da madeira ata a confección do vestido e montaxe e afinación da gaita. Ao mesmo tempo que se explican todos os procesos, cada participante realiza cada un deles e participa na fabricación da súa propia gaita. O número de prazas é sempre limitado a catro participantes, non se necesita experiencia previa de ningún tipo. O curso inclúe:

  • Como cortar e taquear o buxo. Manexo da serra de fita.
  • Aprendizaxe e manexo do torno.
  • Como levantar correctamente os planos dunha gaita.
  • Aprendizaxe dun xeito fácil de fabricación e calibración das coitelas cónicas para o interior dos punteiros a partir dun plano.
  • Manexo e uso dos diferentes tipos de brocas para furados cilíndricos e cónicos.
  • Afiado e preparación de coitelas para o torno, da ferramenta de torneado manual e de navallas para facer palletas.
  • Traballo das madeiras, cilindrado e furado interior de pezas cilíndricas e cónicas.
  • Aprendizaxe e manexo das ferramentas de torneado exterior manual.
  • Técnicas de acabado das madeiras (tinguido e diferentes acabados).
  • Fabricación de palletas antigas e modernas así como preparación de pallóns.
  • Acabado dos punteiros: torneado, perforación dos furados e técnicas para afinalos.
  • Deseño de patróns, manexo e uso da máquina de coser e costura dos vestidos.
  • Atado dos foles e montaxe da gaita.

Duración: sete días hábiles en horario de 8 a 14:30. Non se traballa a fin de semana.

Aquí vos deixo os comentarios dos catro participantes no primeiro curso:

Grande curso, grande mestre e grandes compañeiros para unha experiencia inesquecíbel. Grazas Pablo por ter compartido connosco tanto saber.

Todo parece aliñarse dentro de min,  cando quen che ensina novos xeitos do teu oficio, ao que amas, ó mesmo tempo che transmite isto:  “Eu non sei nada que ninguén non me ensinara, o coñecemento é compartido, pertence ás persoas; o que é valioso é a habilidade, a imaxinación, as mans, a creatividade, iso é o que realmente ten valor nun artesán”.

Neste curso, tiven a ocasión de cumprir un desexo: “participar no proceso de construír unha gaita de fol”. Un curso moi ben estruturado, onde o profesor Pablo Carpintero ademais de dar nocións técnicas (torneado, manexo e afiado de ferramentas, aprender a facer palletas …) soubo crear un ambiente agradábel e de traballo, aportando todo o seu saber e experiencia. Quedei moi satisfeito e recomendo que participedes en cursos futuros. Parabéns Pablo!

De todos é sabido os coñecementos que atesoura Pablo Carpintero pero a mestría estivo en como nos mergullou no seu mundo da tradición, da precisión científica, da sutileza no detalle e do seu bo saber facer. Curso 100% recomendable.

Curso de fabricación de frautas traveseiras, traversos barrocos e requintas

Neste curso apréndense tódalas técnicas necesarias para construír unha frauta traveseira de madeira do tipo que sexa, ben tradicionais, ben traversos barrocos ou mesmo requintas da Ulla. Cada participante fabrica para si unha frauta traveseira de cana e outra frauta traveseira que escolle de entre as que nós fabricamos, sempre que teña só unha chave, ou sexa, un pínfano, unha requinta da Ulla ou unha réplica dun traverso barroco.

Apréndese a medir correctamente unha frauta e a fabricar as coitelas axeitadas para labrar os interiores das pezas de madeira. Tamén como tornear as diferentes pezas das frautas e como se fabrican os sistemas metálicos de corredeira das requintas ou das frautas modernas. Tamén se aprende a fabricar as chaves de metal e a poñelas nas frautas, ben empregando saíntes de madeira ou ben usando postiños de metal. Por fin, cada participante fura el mesmo mesmo a súa frauta e aprende a afinala correctamente.

Para participar non precisas saber tocar a frauta nin ter coñecementos previos de tornería, para iso está este curso.

O curso non admite máis de catro participantes.
Este é o comentario que nos deixou Pepe da Canhada, un dos primeiros alumnos que fixeron este curso:

“O curso foi uma experiência muito instrutiva e gratificante. Foi un verdadeiro prazer e honra ter como instrutor a un mestre da tua esperteza e capacidade de transmitir conhecimentos. Agardo poder desfrutar do prazer de participar em futuros cursos.”

Curso de construción de instrumentos sinxelos

Un obradoiro orientado aos máis pequenos, pero no que os adultos tamén poden participar. Trátase de ensinar a construír varios instrumentos musicais que os nenos e nenas fabricaban eles mesmos, como asubíos de diverso tipo, carrizos, cantagalos, gaitas de alcacén, etc. Ten unha duración de dúas horas e media aproximadamente, cunha idade mínima para os participantes de sete anos e un máximo de quince nen@s. Desprazámonos a dalo a onde ti queiras.

Curso de fabricación de palletas

Este cursiño dun día de duración ten dúas partes: unha teórica, consistente nunha charla na que falamos sobre as orixes das palletas e os tipos que se empregaron na península Ibérica e na illas Baleares antes da chegada da cana no século XVI, e outra práctica, na que che ensinaremos a fabricar tódolos tipos de palletas que se empregaron no noroeste peninsular. Fundamentalmente son tres tipos:

  1. As palletas feitas coa parte branda da cana, por veces con xugos de cana, que se empregaron en Asturias, na metade nororiental de Galiza, en Seabra, Tras-os-Montes, Coimbra e na Estremadura portuguesa.
  2. As palletas feitas coa parte dura da cana e con xugos metálicos, que se usaron na metade occidental de Galiza e no Minho portugués.
  3. As palletas modernas galegas, desenvolvidas nos anos 1970 por Olimpio Carril e posteriormente melloradas por palleteiros como Rubén, Cubero ou Jaime Pena.

Tamén che ensinamos a facer palletas de buxo e corno, así como pallóns de cana de diferentes tipos, para que poidas fabricar un pallón cun son adaptado aos teus gustos e preferencias.

Curso de toque pechado

Neste curso dunha mañán de duración falamos sobre as diferencias entre as distintas dixitacións pechadas do noroeste peninsular, dende Asturias ata Lisboa, pasando pola zona centro galega e pola Pontevedra de mediados do século XIX. Poñemos exemplos de cada unha delas interpretando melodías con cada unha das gaitas que empregaron este sistema. É un curso orientado a principiantes, para sentar unhas bases fortes e poder comezar a tocar melodías con este tipo de dixitación.

Curso de aturuxo

Este cursiño está dedicado a todos e todas os que vos gustaría aturuxar e non sabedes. É un curso para perder a vergoña e poder liberarse e expresar un sentimento a través do noso berro máis característico. Unha mañá de baile e de diversión.

Obradoiro de instrumentos feitos con codia de castiñeiro

Aproveitando que na primavera e principios do verán algunhas árbores soltan a codia, organizamos obradoiros para aprender a facer instrumentos musicais de codia de castiñeiro. Trátase de instrumentos milenarios feitos con técnicas moi sinxelas que os nosos maiores fabricaban cando eran cativos.
Os instrumentos que aprendemos a construír son varios tipos de pipas ou gaitas, xipros, frautas de tres furados, violíns de castiñeiro, a gaita dobre de Vilariño de Conso, algúns asubíos e, por suposto, as tobas.

O obradoiro vale para calquera idade a partir dos sete anos e o material que hai que traer é simplemente unha navalla. Organizamos unha edición anual nalgún souto bonito, ou tamén podedes contratalo se tedes un souto a man.

Premendo neste enlace podes ver as tobas que resultaron dun destes obradoiros.

Paseos didácticos

Aproveitando a riqueza das nosas fragas, ofertámosvos a posibilidade de programar paseos dunha mañá de duración nos que iremos confeccionando instrumentos musicais cos materiais que vaiamos achando polo camiño, como herbas, carrabouxos, follas de diferentes tipos, etc., ademais ensinarémosvos a facelos soar.