As nosas reproduccións de gaitas antigas van sempre fornecidas con réplicas das súas palletas orixinais, pois o noso ánimo é sempre recuperar o seu son orixinal coa maior fidelidade posible, e para isto é inescusable empregar as palletas orixinais.
Nestes anos de investigación sobre as gaitas de fol puidemos xuntar unha grande colección de palletas antigas de toda a península Ibérica e Baleares, na que temos máis de cento cincuenta exemplares. Entrevistamos e gravamos a máis de 160 gaiteiros tradicionais, a maioría deles construían as súas propias palletas e tiveron a ben contarnos como as facían; a eles debemos a maior parte dos nosos coñecementos sobre este tema, pero tamén consultamos e aprendemos moitas cousas de palleteiros profesionais actuais, como os nosos amigos Vicente Prado “El Pravianu” e Jaime Pena, ou o tristemente finado Amado Domingo “Cubero”, dos que fomos aprendendo os segredos do oficio da fabricación das palletas modernas. Así puidemos chegar a construír tódolos tipos de palletas tradicionais que se empregaron na península e nas Illas Baleares, e tamén as nosas palletas modernas. Actualmente no noso obradoiro fabricamos máis de corenta tipos diferentes de palletas.
As nosas palletas están fabricadas con cana da mellor calidade, sempre con máis de tres anos de curación. Obtemos a nosa cana de empresas como Medir ou Entrecanyas, que nos fornecen cun material de orixe mediterráneo de excelente calidade, mais tamén recollemos a nosa propia cana en Aragón, onde medra un material de espectacular calidade. As nosas palletas fabrícanse enteiramente a man e van afinadas unha a unha para o punteiro que ti nos solicites.
Podes contactar con nós para solicitar palletas de calquera tipo. Nesta sección ofrecémosche algúns dos modelos que fabricamos, modernos ou copias de antigos, que funcionan ben con punteiros doutros artesáns. As nosas palletas van garantidas, é dicir, se non funcionan correctamente, trocámoschas sen problema ningún.