Eu, Rosa, son ama de casa, bailadora e cantadora tradicional, tamén me gusta tocar os tambores das diferentes zonas do noroeste. Xunto co meu home, Pablo, percorrimos nos últimos 30 anos o noroeste da península Ibérica xuntando un dos maiores arquivos de gravacións de campo desta zona, máis de 900 horas, que recentemente doamos ao APOI do Museo do Pobo Galego e que podedes consultar integramente nesta páxina.
O noso traballo de investigación está centrado no folclore infantil, na evolución da morfoloxía e do repertorio da gaita de fol e dos instrumentos que a acompañan, na súa contextualización social e histórica, e por suposto, no estudo dos diversos instrumentos musicais tradicionais do noroeste peninsular e da nosa música tradicional en xeral, da que nos gusta particularmente o folclore feminino e os seus instrumentos musicais.
Pablo é doutor en Ciencias pola Universidade de Santiago de Compostela, onde foi profesor de Bioquímica, unha das súas vocacións. Logo de moitos anos adicado a ela, decidiu mudala pola súa outra vocación: a música e a construción de instrumentos musicais, actividade á que se adica profesionalmente dende o ano 2010. Como nunca puido deixar de lado a súa ansia científica, sempre traballou na música e nos instrumentos musicais dende esta perspectiva. Ten o Diploma de Estudos Avanzados en Historia da Música e actualmente realiza estudos de doutorado, sobre a gaita de fol, na Universidade de Vigo.
Entre 2006 e 2010 traballou no proxecto Ronsel, unha iniciativa das Universidades Galegas e da Xunta de Galicia para a recuperación do noso Patrimonio Cultural Inmaterial. En 2010 foi consultor da UNESCO para temas relacionados co Patrimonio Cultural Inmaterial, e en 2011 formou parte do comité de 12 expertos de todo o mundo que a UNESCO designou para escoller as obras mestras do Patrimonio Cultural Inmaterial da humanidade. En 2012 formou parte do comité do Estado Español para a avaliación das manifestacións do Patrimonio Cultural Inmaterial da humanidade que se inscriben na Lista Representativa de PCI da UNESCO.
A investigación etnográfica nunca se fai en solitario, como pouco precisamos das portadoras e portadores, e sempre dos amigos que nos axudan, así que Pablo ten editados varios libros e artigos xunto cos seus amigos Cástor e Félix Castrovicente, Iván Area, Xavier Simón, Henrique Oliveira e António Freire, por exemplo é coautor das publicacións Catálogo de Músicos da Limia e Os Sons da Limia e ten editados varios capítulos de libros dedicados ao Patrimonio Cultural Inmaterial, así como numerosos artigos en revistas especializadas ou libros de actas. Podedes lelos todos na sección de publicacións desta páxina. Cos nosos amigos da Requinta de Xián, fixemos o traballo de investigación “A requinta na cultura do Val do Río Ulla” polo que recibimos en 2011 o premio “Marques de Lozoya” do Ministerio de Educación e Ciencia.
A súa publicación máis destacada, “Os instrumentos musicais na tradición Galega” recibiu o premio Antón Losada Diéguez 2009 na modalidade de investigación e ensaio. Nesta obra, avalada pola UNESCO e editada pola Xunta de Galicia e as tres universidades galegas, dáse conta da historia, nomenclatura, xeitos de construción, uso, filiación sexual, etc. de máis de 150 instrumentos musicais e útiles sonoros empregados en Galicia ata o século XX, constituíndo a obra de referencia neste eido. Podedes consultala integramente na sección homónima desta páxina.
A Pablo sempre lle gustou dar clase e difundir o que iamos aprendendo dos portadores e portadoras, así que durante moitos anos realizou unha sección dedicada á música tradicional dentro do programa “Lume na Palleira” da Radio Galega e outra no programa Luar da RTVG. Este gusto pola difusión tamén se reflicte nas charlas e concertos que xuntos ofrecemos dende hai anos, e que podedes ver na sección correspondente.
Unha das actividades favoritas de Pablo, moi relacionada coa investigación e a difusión, é a réplica de gaitas de fol antigas e dos instrumentos que as acompañaban, ten unha teima particular con reconstruír esas sonoridades, así, nestes anos ten replicado máis de corenta gaitas de fol antigas de todo o noroeste e os tambores e bombos que as acompañaban, podédelas ver e escoitar na correspondente sección. Tamén lle gusta a construción de instrumentos medievais, pola interpretación e reconstrución da polémica gaita de fol da Cantiga 350 recibiu en 2016 o premio de artesanía “Antón Fraguas” na modalidade de “Artesanía tradicional”.
Xuntos e con outros amigos que nos acompañaron en varios dos grupos musicais polos que fomos pasando nestes anos, temos editados máis de dez traballos discográficos que podedes ver na sección correspondente e que inclúen edicións adicadas a varios do nosos grandes gaiteiros como Manuel Viqueira de Ordes, José Marentes de Santa Xuía (A Fonsagrada), César Fernández de Leitoego (A Fonsagrada) ou Darío Díaz de Paíme na Ribeira de Piquín, que foron todos grandes amigos e, por suposto, mestres.
Seguimos a actuar coa Requinta de Xián e Pablo forma parte, xunto coa súa directora María Giménez e con Tin Novio, do grupo de música medieval “Manseliña”.