Dende que comezamos a fabricar instrumentos musicais tradicionais, a recuperación do son das nosas pandeiretas antigas foi unha teima para nós. Estes instrumentos pasaron de ter antigamente unha grande variabilidade, a ser estandarizados durante o rexurdimento da nosa música tradicional arredor dos anos 1960-1970. O principal autor desta estandarización foi o señor Manuel de San Lourenzo, peneireiro e fillo de peneireiro, que foi un dos máis famosos e mellores construtores de pandeiretas, tambores e bombos de Galiza neste período, razón pola que os seus modelos de pandeiretas foron imitados polo resto de artesáns que o sucedemos. Cando o señor Manuel finou, mercamos os seu taller completo, pois a súa familia era amiga da familia de Rosa, así herdamos a súa ferramenta e o seu coñecemento, pois a súa muller informounos ao detalle dos procesos que Manuel empregaba.

Co paso do tempo fomos recompilando información sobre as pandeiretas antigas de Galiza e outras zonas do noroeste e xa en 2006, coa teima de recuperar os nosos sons máis tradicionais, comezamos a fabricar modelos de pandeiretas galegas que se afastaban do modelo estándar do señor Manuel, aqueles típicos instrumentos con nove pares de ferreñas rizadas repartidas ao longo do marco. Así xurdiron as primeiras pandeiretas con ferreñas dobradas a man, sen troquel, como se facía antigamente, e cunha distribución pareada, pandeiretas que xa non se empregaban nin fabricaban en Galiza dende facía máis dun século. Neste vídeo podedes escoitar como varía o son das ferreñas segundo o seu dobrado e o seu material.

Ao primeiro modelo que construímos seguindo esta filosofía denominámolo “Pradenda”, pois naceu a imitación da pandeireta deste cego pontevedrés que aparece nunha famosa fotografía de Zagala. Este modelo de pandeireta tivo, sen dúbida, un fondo impacto na fabricación das pandeiretas galegas despois de que o recoñecidísimo cantor galego Xavier Díaz comezase a empregalo nas súas gravacións e concertos. 

O segundo modelo, nesta mesma liña de recuperación de sonoridades antigas, desenvolvémolo a partir da pandeireta do cego de Guillade (Ponteareas, Pontevedra) achada por Luis Prego, quen nola trouxo ao obradoiro e nos solicitou unha copia dela. Trátase dunha fermosa pandeireta para empuñar coa man esquerda, con dez pares de ferreñas moi pouco rizadas, dispostos en cinco ordes paralelos, e con dous finos ariños de reforzo. Despois de facer a réplica deste instrumento e de observar o seu característico e magnífico son, debido sen dúbida ao tipo particular de ferreñas que leva, decidimos transformala nunha pandeireta sen aneis de reforzo e para soster coa man dereita, e así naceu o noso “modelo Guillade” que tamén pronto se fixo frecuente entre os tocadores e tocadoras e entre outros artesáns.  

Noutros modelos copiados de pandeiretas antigas aportadas por amigos e amigas recuperamos o sistema de suxeitar as ferreñas ao marco mediante arames exteriores, por exemplo nos modelos “Buciños” e “Cernadela”. 

Actualmente fabricamos pandeiretas con cinco tipos de dobrados de ferreñas, copiadas de modelos antigos, cada un co seu son característico. Empregamos tres tipos de follalata de diferente dureza para ofertar diferentes timbres aos músicos; podes escoitar estes diversos sons neste vídeo.

Neste outro vídeo de Xabier Díaz podedes escoitar tamén o son, moi ben gravado, dos nosos modelos Pradenda e Guillade.

Usamos varios tipos de madeiras e acabados, dende o tradicional piñeiro do país, pasando pola nogueira negra ou mesmo o ciprés, unha madeira que fai as pandeiretas moito máis lixeiras.   

Tamén investigamos na posibilidade de dotar ás pandeiretas cun sistema de afinación, ou sexa de tensado/destensado do parche. Como nos gustabamos dos sistemas que empregan chaves Allen, deseñamos e patentamos un sistema no que a pel se tensa e destensa xirando as ferreñas. Podes ver como funciona esta pandeireta premendo aquí.

Por último, non quixemos deixar de probar a estupenda opción inventada polo noso amigo Tomás Ageitos, e fabricamos pandeiretas co seu parche sintético Dorotea.