Descripción
Como xa describimos no libro sobre os instrumentos musicais galegos, a iconografía amósanos como dende a Idade Media a gaita de fol tocaba soa ou acompañada por instrumentos femininos, pandeiros cadrados ou redondos. Aproximadamente no século XVII, segundo nos conta a iconografía galega, o gaiteiro xuntouse co tocador de frauta e tambor, ata aquela o principal acompañante das ocasións rituais como eran, por exemplo, as danzas gremiais. Pouco despois, este tocador de frauta e tambor abandonou a súa frauta e quedou a tocar o tambor cunha soa baqueta para acompañar á gaita de fol, un paso intermedio que quedou tamén reflectido na iconografía galega e portuguesa e que aínda chegou vivo ata nós nalgunha danza da provincia de León. Por influencia dos tambores militares, no século XVIII este tamboriteiro mudou o seu tambor de madeira que se penduraba do pulso, por un tambor ao estilo militar: moito maior, co corpo fabricado de metal, con bordóns unicamente na pel inferior e pendurado do ombreiro cunha correa. Así xurdiu unha parella de músicos que unicamente aparece no noroeste peninsular e en Escocia: a gaita acompañada polo tambor militar. O tambor tradicional galego seguiu a conservar, mesmo ata a actualidade e en moitas zonas, a súa morfoloxía orixinal procedente dos tocadores de frauta e tambor, ou sexa, un tamaño mediano, a súa construción en madeira, bordóns por veces nas dúas peles e incluso seu uso colgado do pulso como foi uso nas cidades de Pontevedra e A Coruña. No entanto, no norte de Portugal e no sur de Galiza, nomeadamente na comarca do Baixo Miño, o tambor que formaba parte dos conxuntos máis tradicionais, como as Treboadas, foi por veces un tambor de clara inspiración militar: moi grande, co corpo de metal, pendurado do ombreiro do tocador cunha correa e con bordóns unicamente na pel inferior, un tambor que, ademais, conserva unha característica peculiar dos tambores militares que non se acha nos dos tamboriteiros de frauta e tambor: a correa de corda que permite levalo pendurado ao lombo cando non se está a tocar con el. Este conxunto de tambor, correa e baquetas de buxo labradas con decoración incisa recupera esta tipoloxía practicamente extinta.
Reseñas
Aínda non hai valoracións.