Descripción
Réplica dunha gaita construída polos Maquilos d’Adralés (Cangas, Asturias) conservada no Museo da gaita de Xixón. Nesta casa houbo dous irmáns artesáns e gaiteiros moi famosos: José Martínez González (1873-1958) e Urbano Martínez González. As súas gaitas forman, na nosa opinión, o límite oriental das gaitas Eo-naviegas, pois ademais da súa morfoloxía que claramente as coloca nesta tipoloxía, os gaiteiros desta zona (como Clemente de Ibias) apreciaban e tocaban as gaitas fabricadas polo Maquilos, pero nunca tocaron con gaitas asturianas do centro ou do oriente, pois apreciaban unha notable diferencia tímbrica entre as gaitas Eo-naviegas e as asturianas.
Trátase dunha fenomenal gaita tumbal, cun enorme roncón de son potente e profundo. O punteiro é áxil e fácil de tocar, cun son forte e requintea moi ben. Emite unha escala en modo de Sol coa tónica en altura de Si. Emprega dixitación pechada.
Como podedes ver nas imaxes, fabricámola co vestido ao estilo asturiano, neste caso cosido coa técnica dos remendos, ou tamén coa forma Eo-naviega, moito máis redonda.
Compra por encomenda
Debido ás características das réplicas das gaitas de fol antigas, estas non teñen un prezo fixo asignado, que dependerá do tipo de madeira e outras características estéticas que podes escoller como anelados en diferentes materiais, freques ou reberetados dos vestidos. Todas as réplicas de gaitas de fol teñen unha demora que depende da nosa lista de espera. Consulta con nós para saber máis.
Reseñas
Aínda non hai valoracións.