Descripción
Hai moitos anos visitamos o Museo de Pontevedra para analizar as gaitas de Manuel Villanueva. Alí achamos uns vestidos moi característicos, pequenos e cunha tapa lateral para dar saída ao ronquillo e que se sostiñan contra o peito do tocador apertándoos co antebrazo, como se ve na fotografía de Perfecto Feijoo, un xeito de soster o fol que indica claramente que estes gaiteiros empregaban unha técnica moi particular para manter a presión do fol: non empregaban o brazo para apertar e manter a presión do fol, senon que usaban o diafragma para este fin, apertando co brazo unicamente no xusto momento de coller aire. Este sistema de soprar permite un control finísimo do tempero, pois o diafragma humano é un músculo especialmente deseñado para controlar a presión do aire que sae dos pulmóns. Desta forma, os grandes gaiteiros da Pontevedra finisecular podían controlar de xeito exquisito a presión do fol, mantendo unha afinación do ronquillo completamente uniforme e podendo acadar logros como facer verdadeiros silenzos co punteiro mentres o ronquillo seguía a tocar.
No Museo de Pontevedra había tres gaitas con tres vestidos distintos que podes ver n agalería deste produto: o da gaita redonda de Villanueva era bastante grande, o da gaita tumbal deste gaiteiro era algo máis pequeno e, por fin, o da gaita de Perfecto Feijoo, era extremadamente pequeno. Decidimos facer unha copia deste vestido para ver como funcionaba pero o resultado foi demasiado pequeno para o noso gusto daquela, pois un dos nosos obxectivos era poder cantar coa gaita, estamos a falar dos anos 2000 aproximadamente. Decidimos entón variar aquel patrón e, mantendo as saídas dos tubos onde as tiña o vestido da gaita de Perfecto Feijoo, aumentamos considerablemente o seu tamaño. Así naceu un vestido que é máis grande que calquera dos empregados nas gaitas antigas de Pontevedra pero que tivo éxito, tanto entre os meus alumnos de aquela época, como Pablo Seoane, como entre amigos e compañeiros gaiteiros como Emilio Lois. Este patrón tardou uns anos en estenderse, pero finalmente acabou nas ofertas doutros artesáns co nome de “tipo Perfecto Feijóo (sic)”.
Actualmente no noso obradoiro ofrecémosche calquera tipo de vestido do modelo Pontevedra, dende este que desenvolvimos baseándonos nos modelos antigos, que é o que máis montamos con diferenza, pasando polo orixinal de Perfecto Feijoo ou mesmo o das gaitas de Manuel Villanueva, vestidos estes que, co paso do tempo, puidemos comprobar que melloran considerablemente a técnica de uso do ronquillo, se ven precisan unha maior adaptación e aprendizaxe.
Os nosos vestidos están confeccionados con telas orixinais de moi alta calidade, das mellores casas europeas, que podes ver e escoller no noso obradoiro. Fabricámolos de tres xeitos diferentes: sen reberetar, reberetados cunha fita darredor, como foi tradicional en Pontevedra, ou tamén reberetados cun floco, un xeito común no noroeste de Galiza.
Reseñas
Aínda non hai valoracións.