No noso obradoiro temos un particular empeño en recuperar as sonoridades dos diferentes tipos de gaitas de fol do noroeste, posto que estas forman un conxunto inseparable co tambor e tamén, en moitos casos, co bombo, replicar estes instrumentos seméllanos imprescindible para recuperar o son destes conxuntos tradicionais. É por iso que, ademais de fabricar tambores tradicionais galegos, replicamos instrumentos que pertencen a todas as tradicións do noroeste peninsular.
Fabricamos tambores con bordóns na pel de abaixo, na de arriba e en ambas, pois estes tres tipos están documentados na tradición. Os sistemas de tensado dos bordóns están realizados en latón e traballados a man, poden ser labrados ou lisos.
Os nosos tambores apertan sempre cara a pel de abaixo, pois ese era o xeito común en case tódolos tambores que temos documentados nas fotografías antigas e nos exemplares antigos que se conservan. Empregamos cordas de cáñamo de primeira calidade e arrochos de coiro ou de pel de cabra, dependendo do modelo. Os bordóns son sempre de tripa, os ariños de madeira e as caixas de madeira ou metal, sempre feitas a man.
Empregamos diversas madeiras para realizaren as réplicas, fundamentalmente piñeiro do país, cerdeira, pradairo ou nogueira negra. As madeiras acabámolas sempre con aceite de liñaza, pois non nos gustan os bernices sintéticos. Tamén poden ser pintadas e incluso policromadas.
Os nosos tambores pendúranse cunha correa, como se facían antigamente, pero podemos fabricalos cun gancho para colgalos da cintura. Os prezos que damos non inclúen nin esta correa, nin as baquetas.