Son instrumentos membranófonos, de marco cadrado ou redondo pero sen ferreñas. Aparecen por todo o noroeste peninsular e deberon ser, en tempos, un dos máis empregados, xunto co instrumento denominado ferreñas, para acompañar o canto feminino. Ata nós chegaron vivos os modelos cadrados, de diversos tamaños e feituras dos que vos ofertamos réplicas.
Recentemente tamén teñen aparecido algúns modelos redondos confirmando o seu uso, que só tiñamos documentado polas lembranzas dalgúns portadores e portadoras. Algúns destes pandeiros redondos son moi sorprendentes polo seu tamaño e feitura, como os achados por Emilio Romero nunha feira en San Pedro de Neiro (A Fonsagrada) dos que tamén fixemos reproducións.
Os modelos de pandeiros cadrados poden dotarse dun sistema de afinación que permite axustar a tensión da pel e consiste na apertura do marco en anchura mediante o uso dunha chave Allen.