Ofrecemos a posibilidade de organizar calquera tipo de exposición relacionada cos instrumentos musicais tradicionais do noroeste peninsular.
Neste momento temos deseñadas e montadas dúas diferentes: unha trata sobre as gaitas de fol da península Ibérica e Baleares, e outra sobre os instrumentos musicais dos nenos e nenas. Ambas poden combinarse con obradoiros e con charlas-concerto.
Consulta con nós para saber as condicións e os prezos para organizala alí onde ti queiras.

As gaitas de fol da península Ibérica e Baleares

Esta exposición contén unha viaxe pola historia das gaitas de fol, así como unha explicación das diferentes culturas que a empregan na Península Ibérica e Baleares.
Nela amósanse réplicas e orixinais antigos de máis de corenta gaitas de fol diferentes, así como numerosos instrumentos de percusión que as acompañaron, facendo especial fincapé naqueles empregados polas mulleres. Contén tamén 30 paneis explicativos, tres de grandes dimensións (140 x 90 cm), adicados a explicar a historia da gaita a través do tempo, e 27 de menor dimensión (60 x40 cm) nos que se explican as características de cada unha das culturas que empregan este instrumento.

Que amosamos?

Esta exposición está dividida en cinco partes claramente diferenciadas:

Na primeira explícase a orixe da gaita de fol a partir dos antigos instrumentos soprados directamente coa boca, amosando modelos de gaitas moi primitivas como as norteafricanas ou algunhas aínda conservadas en Galiza, así como diversos modelos de gaitas e instrumentos medievais relacionados con elas.

Na segunda parte ensínase como aprendían os nenos galegos, repetindo exactamente a historia da gaita de fol na secuencia de instrumentos musicais que empregaban para chegar á gaita de fol dos adultos: desde as sinxelas gaitas de palla, pasando polos instrumentos soprados directamente coa boca, idénticos os da antigüidade, ata poñerlles a estes un pequeno fol e construír modelos como as gaitas de fol máis primitivas.

A terceira parte está dedicada á construción das gaitas, un proceso que non variou substancialmente dende a Idade Media ata principios do século XX. Amósanse as ferramentas antigas que empregaron os artesáns peninsulares e explícase con detalle o proceso de construción.

Nunha cuarta parte ensínase como os instrumentos que acompañaron ás gaitas de fol variaron a través do tempo. Explicamos como sucedeu este proceso: na Idade Media e Renacemento a gaita tocaba soa, con óboes ou acompañada por instrumentos femininos, dos cales expoñemos máis de trinta diferentes. Durante os séculos barrocos a gaita asociouse cos tamboriteros de frauta e tambor, un feito que acabou por conducir ao seu acompañamento cos grandes tambores militares. Finalmente, a finais do século XIX os instrumentos das bandas populares, como caixas, bombos, clarinetes, etc., pasaron tamén a acompañar á gaita de fol. Todas estas modalidades perduraron nunhas ou outras culturas ibéricas ata a actualidade.  

Posto que todos os instrumentos que empregaron as mulleres do noroeste valeron tamén para acompañar á gaita de fol, á parte de xogar un papel fundamental na nosa música tradicional máis cotián, dedicamos dous expositores a amosar estes instrumentos: pandeiras, pandeiretas, ferreñas, pandeiros, etc.  

A última parte da exposición fai un percorrido polas diversas culturas peninsulares e insulares nas que a gaita de fol chegou ata nós, culturas que nestes mil anos foron adquirindo características propias e que, curiosamente se achan sobre as principais rutas xacobeas:

Primeiro amosamos a grande diversidade de modelos achada en Galicia, algunhas moi relacionada coas principais rutas do camiño de Santiago: as gaitas da Terra Chá e a gaita de ronquillo Chairega, as gaitas da Galiza central, a gaita de ronquillo da Zona Occidental, a gaita de catro voces de Arzúa e Terra de Melide, e por último, a gaita de barquín e a primitiva rosca, ambas conservadas no Baixo Miño.

Despois exploramos as gaitas seguindo as rutas xacobeas: polo camiño do norte achamos as gaitas Eo-Naviegas, dacabalo entre Asturias e Galiza, e despois a gaita Asturiana e Cántabra. O camiño Francés lévamos polas gaitas Bercianas e a visitar as gaitas de boto aragonesas así como os sacs de gemecs cataláns e as súas irmás, as xeremies mallorquinas. O camiño xabrés condúcenos a outras tres culturas ben diferenciadas entre si que empregan a gaita de fol: a Xabresa, a Alistana e a Trasmontana, xa en Portugal. Por fin, o camiño Portugués atravesa as principais zonas do pais veciño que conservaron a gaita de fol: o distrito de Entre-Douro-e-Minho, as gaitas Coimbrás e as gaitas Estremenhas, gaitas estas, as Lisboetas, que reflicten o gran intercambio cultural sucedido entre Lisboa e Galicia no século XVIII e XIX.

Adicamos tamén outros expositores a amosar instrumentos que acompañaron á gaita de fol ao longo da historia, como os salterios, dos que temos importantes iconografías en Galicia, a frauta e o tambor dos tamboriteiros, tan ben conservados no Bierzo, as frautas (das que ensinamos toda a súa historia) ou os clarinetes.  

Podedes ver un vídeo comentado da exposición que fixemos en Lugo en Nadal de 2022 premendo aquí.

Fotografías desta exposición:

Fotografías

A exposición compleméntase con 70 fotografías antigas enmarcadas pertencentes a todas as culturas explicadas.

Os concertos

Propoñemos completar a exposición con dous concertos: un inaugural no que se explica a orixe da música na especie humana, incluíndo a orixe da gaita de fol; un concerto no que se empregan 45 instrumentos musicais diferentes e que fai un percorrido musical pola nosa evolución como especie, en paralelo co noso desenvolvemento musical desde nenos.

Versión galega:

Versión castelá:

Necesidades

  • Unha ou varias salas cun total de aproximadamente 250-300 metros cadrados.
  • Expositores suficientes para todo o material, en total unha superficie duns 50 metros cadrados.
  • Sistema de fixación dos marcos das fotografías.
  • Garda de seguridade permanente se as vitrinas non fosen pechadas
  • Contratación dun seguro para todas as pezas.
  • Un espazo adecuado para os concertos acústicos.

Os instrumentos musicais infantís

Entre os case cento setenta tipos diferentes de instrumentos musicais que levamos documentados en Galicia, máis de oitenta eran construídos e tocados polos nenos e polas nenas. Curiosamente, tódolos instrumentos musicais que se documentan no Paleolítico europeo, como zoadeiras, asubíos, raspadores, litófonos, frautas, etc. foron construídos e tocados polos nenos e nenas galegos. Esta observación levounos a propoñer a hipótese da orixe infantil dos instrumentos musicais, pois indica que ben puideron ser os máis cativos da nosa especie os primeiros construtores de útiles sonoros. Esta exposición amosa tódolos instrumentos musicais que fabricaban os nenos e as nenas galegos e pódese complementar cun obradoiro no que se aprende a fabricar varios deles e cunha charla concerto onde explicamos a nosa teoría da orixe infantil dos instrumentos musicais.