Así chamaban os nenos a unhas gaitiñas que se facían con cana ou sabugueiro, de lingüeta sinxela, e que foron uns dos primeiros instrumentos que fabricaban e tocaban no camiño que moitos deles emprendían cara á gaita de fol dos adultos. Unha caniña, un ferro quente para facer uns furados, un pallonciño e xa estaba… soprando nelas directamente coa boca, xa se podían tocar moitas cousiñas. É un instrumento antiquísimo, as súas orixes pérdense na noite dos tempos… despois, segundo os nenos ían medrando, engadían a estas gaitiñas de cana un fol, feito dunha vincha dun porco ou cunha pelica de gato ou cabrito, e construían así a súa primeira gaita de fol. Deste xeito tan curioso, os nenos repetían exactamente a historia das gaitas de fol na súa pequena vida musical. 

En Galicia o primeiro, se mal non lembro, que fixo un traballo musical empregando estas gaitas (en concreto sobre as que se documentaban en Moaña) foi Xabier Blanco, despois nós mesmos traballamos con distintos tipos delas no disco Os Sons Esquencidos, pois as gaitas de cana da Paradanta ou a Rosca do Baixo Miño son tipos particulares deste instrumento que fabricamos e que podedes ver nesta páxina. Pasados uns anos, e despois de xuntar moita documentación sobre as gaitas de cana en toda Galiza, xa escribimos longo sobre elas no libro dos instrumentos musicais na tradición galega que podedes consultar aquí.

Tamén publicamos un artigo que fala especificamente sobre gaitas e gaitas de fol que podes ler aquí.

Poucos se interesaron musicalmente por este instrumento, creo que a primeira -ou-sabgaita de cana que saíu do noso obradoiro foi para Cástor e Félix Castrovicente, un modelo como os da Paradanta, feita en cana India. Despois de moitos concertos e charlas, e pasados bastantes anos, outros gaiteiros como David Bellas ou Miguel Fraguas interesáronse no modelo feito de sabugueiro, que tamén fabriquei para a familia Mayalde… pouco a pouco a xente interesouse máis e máis por estes instrumentos, pero tiñan o inconveniente de que non podían ser afinados nun ton en concreto e eran un pouco inestables, pois pasados uns vinte minutos, coa humidade, desafinábanse e había que parar de tocar ata o día seguinte. Así, no ano 2016 comezamos a investigar no obradoiro a ver se facendo o instrumento en buxo e con pallóns sintéticos se podía conseguir unha gaita estable e afinada, cun timbre semellante ás orixinais e que puidera tocar con calquera instrumento. Así, en 2017 saíu do noso obradoiro a primeira gaita de cana en buxo, estable e afinada en Do.

A verdade tivo éxito, pronto Castor e Félix, ou Manuel Cruces entre moitos outros músicos, encomendaron o instrumento e comezaron a tocar con el, pedindo ademais tonalidades diferentes ao Do, coma o Mib ou o Re. En 2021 músicos de fóra de Galiza tamén comezaron a demandalo, pero coas súas escalas particulares, como Paco Moldón ou Luis Pedraza, agora na Musgaña sona este instrumento! Deste xeito, un instrumento de nenos acadou a música profesional.

Tamén os nosos amigos Cástor e Félix Castrovicente, Álvaro Iglesias e Xosé Liz, que forman o grupo TOR, empregan o modelo en MIb que podedes escoitar aquí.

Por fin, en 2023, puidemos completar o proceso e desenvolver un sistema para poder obter unha escala cromática con este tipo de instrumentos, conseguindo a primeira gaita de cana cromática. Aquí a tedes soando: