Estamos moi contentos de ofrecer este noveno curso, porque por el xa pasaron 30 alumnos! Todos eran gaiteiros, algúns eran artesáns que xa levaban anos facendo gaitas, pero querían aprender outros xeitos de construir ou como facer réplicas de gaitas antigas, e, o mellor de todo, de entre estas trinta persoas que asistiron ao curso sen saber nada, catro teñen xa o seu obradoiro funcionando e producindo gaitas da súa zona!
Este curso desenvólvese no noso obradoiro-museo durante uns cinco ou seis días, cunha fin de semana de descanso no medio. As datas son flexibles e podense cambiar de mutuo acordo entre os participantes. Cada día traballaremos de 9h a 15h. O número de prazas está limitadas a tres. Consiste na aprendizaxe de tódalas técnicas necesarias para a construción dunha gaita de fol, dende o taqueado da madeira ata a confección do vestido e montaxe e afinación dunha gaita. O curso ten dúas modalidades:
a) Escolles unha gaita de fol de calquera dos corenta e tres modelos que fabricamos no noso obradoiro e, á vez que fas o curso, traballas na confección dalgunha das súas pezas. Neste caso terás un desconto do 15% sobre o prezo da gaita escollida.
b) Realizas o curso, pero sen levar unha gaita ao final.
O que se aprende e traballa é exactamente o mesmo nas dúas modalidades.
Ao mesmo tempo que se explican todos os procesos implicados na fabricación dunha gaita, cada participante aprende e realiza cada un deles, confecciona dende cero unha peza dun roncón. Entre os tres participantes constrúen e afinan un punteiro.
Este curso inclúe todos os aprendizaxes necesarios para comezar a construir gaitas de fol:
-Como cortar e taquear o buxo. Manexo da serra de fita.
-Aprendizaxe e manexo do torno.
-Como levantar correctamente os planos dunha gaita.
-Aprendizaxe dun xeito fácil de fabricación e calibración das coitelas cónicas para o interior dos punteiros a partir dun plano.
-Manexo e uso dos diferentes tipos de brocas para furados cilíndricos e cónicos.
-Construción e afiado de coitelas para o torno, da ferramenta de torneado manual e de navallas para facer palletas.
-Traballo das madeiras, cilindrado e furado interior de pezas cilíndricas e cónicas.
-Aprendizaxe e manexo das ferramentas de torneado exterior manual.
-Técnicas de acabado das madeiras (tinguido e diferentes acabados).
-Conceptos básicos sobre traballo coas palletas e preparación de pallóns.
-Acabado dos punteiros: torneado, taladro dos furados e técnicas para afinalos.
-Deseño de patróns, manexo e uso da máquina de coser e costura dos vestidos.
-Atado dos foles e montaxe da gaita.
Para realizar este curso non fan falla coñecementos previos. Os participantes aprenden dende cero e practican todos os procesos ata conseguir a súa aprendizaxe e fixación; logo, a práctica ata adquirir habilidade é cousa de cada un. Tamén se fornece a cada participante cun listado de tódolos provedores necesarios para montar un taller (madeira, máquinas, brocas, afiado, plásticos, foles, ferramentas, etc. etc.) e quedamos á vosa disposición para resolver calquera dúbida no futuro. Axel Blázquez, alumno do segundo curso, sen experiencia previa, está xa construindo as súas gaitas de fol en Cataluña.
O obxectivo principal do curso é que calquera participante aprenda absolutamente todo o necesario para facer gaitas de fol.
Aquí vos deixo os comentarios dos catro participantes no primeiro curso:
Óscar Barreiro: Grande curso, grande mestre e grandes compañeiros para unha experiencia inesquecíbel. Grazas Pablo por ter compartido connosco tanto saber.
Roberto Pérez “Reberete” (artesán de gaitas e percusión): Todo parece aliñarse dentro de min, cando quen che ensina novos xeitos do teu oficio, ao que amas, ó mesmo tempo che transmite isto: “Eu non sei nada que ninguén non me ensinara, o coñecemento é compartido, pertence ás persoas; o que é valioso é a habilidade, a imaxinación, as mans, a creatividade, iso é o que realmente ten valor nun artesán”.
Alexandre Cadarso “Cano”: Neste curso, tiven a ocasión de cumprir un desexo: “participar no proceso de construír unha gaita de fol”. Un curso moi ben estruturado, onde o profesor Pablo Carpintero ademais de dar nocións técnicas (torneado, manexo e afiado de ferramentas, aprender a facer palletas …) soubo crear un ambiente agradábel e de traballo, aportando todo o seu saber e experiencia. Quedei moi satisfeito e recomendo que participedes en cursos futuros. Parabéns Pablo!
Eloi Dávila: De todos é sabido os coñecementos que atesoura Pablo Carpintero pero a mestría estivo en como nos mergullou no seu mundo da tradición, da precisión científica, da sutileza no detalle e do seu bo saber facer. Curso 100% recomendable.
Se queredes máis información sobre prezos e condicións podédesme escribir a pablo.carpin@gmail.com ou chamarme ao 626588381.
Lugar de celebración: obradoiro-museo Pablo Carpintero, Santiago de Compostela.