Descripción
Ricardo Alexandre, que vive actualmente en Sesimbra (Portugal) conserva unha fermosa gaita de barquín, fabricada en buxo e con aneis de marfil. As gaitas de barquín son antigos instrumentos que corresponden a unha tipoloxía que se extinguíu arredor dos anos 1920. Trátase de instrumentos que teñen a característica de posuír dous bordóns, orneón e ornillo, sobre o ombreiro, saíndo da mesma buxa. Esta tipoloxía fíxose frecuente en toda Europa arredor do século XVI. Dende Redondela cara ao Baixo Miño abundaron este tipo de gaitas de dobre bordón e no Baixo Miño aparecen alimentadas cun fol mecánico, o barquín, de aí o nome que recibían por parte dos portadores: gaitas de barquín. A de Ricardo Alexandre, que pertenceu a seu avó que emigrou de Tomiño a Lisboa no século XIX, amósanos a morfoloxía clásica das gaitas de barquín: un conxunto formado por dous punteiros, un grileiro, coa tónica preto do Re, e outro tumbal coa tónica en Si natural, ambos fornecidos cunha chave para emitir o segundo grao agudo; ambos empregan palletas grandes e cadradas con xugo de metal, sonan lixeiros e fortes e están deseñados para tocar con dixitación aberta. O orneón, como chamaban no Baixo Miño ao roncón da gaita, dispón dunha cuarta peza supletoria para poder tocar co punteiro máis tumbal.
Compra por encomenda
Debido ás características das réplicas das gaitas de fol antigas, estas non teñen un prezo fixo asignado, que dependerá do tipo de madeira e outras características estéticas que podes escoller como anelados en diferentes materiais, freques ou reberetados dos vestidos. Todas as réplicas de gaitas de fol teñen unha demora que depende da nosa lista de espera. Consulta con nós para saber máis.
Reseñas
Aínda non hai valoracións.