Descripción
A familia do famoso gaiteiro de Campañó, Xan Tilve Castro (1872-1950), conserva a súa fermosa gaita de fol, que pertence á tipoloxía das gaitas de ronquillo da zona de Pontevedra. O roncón e o ronquillo, ambos en buxo, poderían ter sido fabricados por Manuel Villanueva, de quen Xan foi discípulo; as buxas e o soprete foron indubidablemente fabricadas por José Poceiro, mais o punteiro pertence a unha época moito máis antiga, o carbono 14 dinos que a súa madeira morreu entre 1420 e 1450, e o noso modelo de datación polos desgastes que foi usado continuamente durante máis de 500 anos, polo tanto, trátase moi probablemente dun punterio construído no século XV e tocado dende entón. Amosa unha ornamentación con aneis sobre o fuste da que escribimos neste artigo, un xeito de adornar probablemente tan antigo como o propio punteiro. Posto que esta ornamentación en aneis aparece tamén nalgúns roncóns moi antigos, e posto que o roncón da gaita de Xan de Campañó semella non pertencer á mesma época que o seu punteiro, quixemos facer esta réplica recuperando tamén esta ornamentación, dispoñendo uns grosos aneis de corno sobre as femias da segunda e a terceira do roncón.
O punteiro orixinal ten unha escala en modo de Sol, perfectamente afinada para a súa exacta correspondencia cos harmónicos do ronquillo. A tónica está en altura de Si natural e ten un marabilloso e potente son. Emprega palletas grandes e cadradas, feitas coa parte exterior e dura da cana e con xugo de metal, que son as propias da zona occidental galega, por este motivo é un instrumento que precisa dunha certa aprendizaxe a nivel de tempero. Está deseñado para tocar empregando a dixitación propia de Pontevedra, pechada e apoiando sempre o meniño como Casto Sampedro e Perfecto Feijoo nos transmitiron.
Nos seguintes vídeos podedes escoitar a o punteiro orixinal interpretando algunhas melodías. Moitas grazas á súa familia, especialmente a Marilé Salgado, que tan xentilmente nos deixa sempre analizar e tocar esta fermosísima e antiquísima gaita.
Neste vídeo podedes escoitar unha réplica da gaita.
Compra por encomenda
Debido ás características das réplicas das gaitas de fol antigas, estas non teñen un prezo fixo asignado, que dependerá do tipo de madeira e outras características estéticas que podes escoller como anelados en diferentes materiais, freques ou reberetados dos vestidos. Todas as réplicas de gaitas de fol teñen unha demora que depende da nosa lista de espera. Consulta con nós para saber máis.
Reseñas
Aínda non hai valoracións.