Descripción
Manuel António da Silva foi un fabricante de instrumentos musicais establecido en Lisboa. En 1807 fundou un taller e casa de venda que durante máis de setenta anos existiu na rúa do Loreto, á esquina da rua do Norte. Construía principalmente frautas, clarinetes, óboes e fagotes, pero tamén gaitas de fol das que chegaron a nós algúns exemplares. Esta que vos amosamos acabou nunha gaveta no taller de Modesto Sánchez, compañeiro gaiteiro de Faustino Santalices e áchase actualmente na colección dos nosos amigos Cástor e Félix Castrovicente.
É unha gaita de fol redonda, cun son excelente, grande volume sonoro e unha rapidez na emisión das notas moi destacable; a tónica está moi preto do Do# e a súa escala é un modo portugués, é dicir, ten tódolos graos case temperados excepto o terceiro que está neutro e a sensible que está moi baixa, concretamente a 160 cents da tónica, ou sexa, case unha subtónica. O seu torneado corresponde ao básico do noroeste e ten un dos sopretes máis fermosos que temos visto. Na imaxe podedes ver a restauración que fixemos deste marabilloso instrumento.
Aquí tedes o son dunha das réplicas que fixemos
Compra por encomenda
Debido ás características das réplicas das gaitas de fol antigas, estas non teñen un prezo fixo asignado, que dependerá do tipo de madeira e outras características estéticas que podes escoller como anelados en diferentes materiais, freques ou reberetados dos vestidos. Todas as réplicas de gaitas de fol teñen unha demora que depende da nosa lista de espera. Consulta con nós para saber máis.
Reseñas
Aínda non hai valoracións.