Descripción
Manuel Rilo Pardo alcumado “O Vello Rilo” ou “O Rilo de Betanzos” entre outros, naceu na parroquia de San Nicolao de Cis en 1829 e morreu na de Santo Tomé de Salto en 1907. Foi un dos máis famosos gaiteiros do século XIX. A súa familia conservou dende a súa morte, coma un tesouro, a súa gaita. Grazas a Neli e Xosé Manuel Río, os seus tataranetos, puidemos ter acceso esta gaita. Fixemos dúas réplicas dela, unha sen ronquillo, tal cal se conserva a orixinal, e outra con el, como aparece nalgunhas fotografías antes de que, polo visto, alguén llo roubara para amolalo nun concurso. Xa tiñamos observado que os bos gaiteiros tocaron sempre gaitas excelentes, pero a verdade non agardabamos achar unha gaita deste nivel, creo que é unha das mellores que temos tocado. O roncón ten unha potencia que poucas veces escoitei, o punteiro é moi áxil, nervioso como di o noso amigo Alexandre Cadarso “Cano”, e ten un son moi potente, ademais de requintear con moita facilidade. Funciona con palletas fabricadas como as antigas da zona central galega, é dicir, son triangulares, curtas e fanse empregando a parte exterior e dura da cana. A súa tónica está preto do Do sostido e a súa escala é un modo de Sol, ou sexa, ten o sétimo grao rebaixado e ten tamén unha subtónica.
Neste vídeo podedes escoitar unha danza de arquiños recollida en Betanzos que aparece no cancioneiro de Casto Sampedro co número 397 na sección de danzas de arquiños, fitas e paus.
Aquí gravamos a danza de paus de Betanzos, o nº 398 do Cancioneiro de Casto Sampedro.
Esta muiñeira, dita de Piadela, din que é unha das que o Vello Rilo tocaba.
Por fin, unha muiñeira do Poso de Navia de Suarna, para que vexades como requintea este punteiro, pois o requinteo é un recurso que chegou vivo ata nós nas comarcas de Arzúa e Terra de Melide, moi próximas á de Betanzos.
Compra por encomenda
Debido ás características das réplicas das gaitas de fol antigas, estas non teñen un prezo fixo asignado, que dependerá do tipo de madeira e outras características estéticas que podes escoller como anelados en diferentes materiais, freques ou reberetados dos vestidos. Todas as réplicas de gaitas de fol teñen unha demora que depende da nosa lista de espera. Consulta con nós para saber máis.
Reseñas
Aínda non hai valoracións.