Descripción
Trátase dunha gaita de fol monoxila con tres perforacións na mesma madeira, é dicir, ten tres tubos sonoros feitos no mesmo taco de madeira. Cada un dos tres tubos funciona cunha lingüeta sinxela, cun pallón. O tubo da man dereita emite dende unha subtónica a un quinto grao, o da man esquerda dende o cuarto ata a tónica superior. O tubo posterior aprovéitase para emitir un bordón que pode alternar entre a tónica e a quinta.
Na Idade Media peninsular achamos moitos modelos diferentes de gaitas que probablemente funcionaban con lingüetas sinxelas, a xulgar polos seus tubos cilíndricos. Temos gaitas de fol monoxilas coa mesma escala nos dous tubos melódicos, como as representadas nas catedrais de Burgos e León, temos gaitas con tubo melódico e bordón como a da Cantiga 280, e temos incluso gaitas, como o alboka vasco, nas que obtemos escalas diferentes en ambos tubos. Podédelas ver todas no vídeo que acompañamos. Tamén vemos nalgunhas representacións ibéricas, como as das gaitas da Colexiata de Toro ou a de Santa María Laguardia, punteiros cadrados moi anchos que ben poderían albergar bordóns ocultos, dada a tendencia medieval a producir instrumentos con este recurso.
A idea desta gaita triple xurde da gaita achada nos estratos do século XIV en Staraya (Rusia), que ten un pequeno punteiro cun triple furado. A aparición dunha gaita extremadamente semellante nunha iconografía de Nôtre Dame de Sanit Lô seguramente significa que esta idea dos tubos triples estaba extendida por toda Europa na Idade Media. Nós quixemos fabricar unha gaita de fol baseada nesta mesma idea pero fornecéndoa coa posibilidade de emitir unha escala completa repartida entre as dúas mans.
A súa escala está afinada en modo de Sol, coa tónica en altura de Re a 440 Hz, pero a escala pódese afinar noutros modos.
Podedes escoitar esta gaita triple neste vídeo:
Reseñas
Aínda non hai valoracións.