Descripción
Se ben o uso dos pallóns sintéticos se ten estendido nos últimos anos e teñen a vantaxe da durabilidade respecto aos feitos en cana, nós seguimos sendo devotos destes últimos, tanto porque a maior parte das réplicas das gaitas antigas que fabricamos non funcionan con estes pallóns sintéticos, como porque un pallón de cana permítenos escoller as características sonoras do roncón. Dependendo das dimensións da cana e da lingüeta, podemos fabricar pallóns con máis ou menos volume, cun timbre máis nasal ou máis agresivo, e con maior ou menor resistencia á presión do fol. Deste xeito, ofrecémosche pallóns adaptados ás túas preferencias ou para empalletar a túa gaita antiga.
Basicamente fabricamos pallóns con lingüeta normal, feitas dende o nó ou cara ao nó, pero tamén facemos o modelo que se documenta nas comarcas de Arzúa e Terra de Melide, no que a lingüeta parte o nó da cana á metade, sendo esta unha forma de pallón con moita resistencia ás variacións do tempero e especialmente adecuada para requintear.
Tamén fabricamos pallóns en miniatura para ronquetas e ronquillos de pallón. Se o que buscas son timbres orixinais, facemos pallóns noutros materiais, como o sabugueiro e o bambú, que tamén se usaron na tradición.
Se prefires un pallón sintético, dos que nós temos probado os do Obradoiro de Gaitas Gil son, polo seu timbre e estabilidade, os mellores con diferenza.
Reseñas
Aínda non hai valoracións.