Un dos punteiros que nos axudou a comprobar o método de datacións empregando os desgastes dixitais foi o do Ti Chico da Marmeleira, de Coimbra. Este punteiro de ébano foi mercado en 1950 por Joaquim Pereira, “O Ti Carriço” a este músico tocador de frautín, e foi o instrumento co que o Ti Carriço tocou uns 20 anos, ata que un día, nun accidente de bicicleta, fendeuno e mercou outro fabricado polo José Mendes Seco, co que xa tocou o resto da vida. Neste punteiro, como en moitos dos máis antigos que puidemos datar no noroeste, observamos unhas características comúns que nos indican que eran instrumentos de moita consideración social: está feito de ébano e ten unha grosa anela de marfil, materiais que na altura que foi feito, non estaban, nin moito menos, a dispor de calquera.
Punteiro do Ti Chico da Marmeleira
Pese a que está un pouco modificado nos seus furados superiores, seguramente e como en tantos casos para aproximalo a unha escala máis moderna, este punteiro emite un modo portugués en altura de Do, é dicir, ten subtónica e o terceiro grao está moi baixo, tendo o sétimo grao sensible (o que o afasta do modo de Re), pero convertible nunha subtónica cunha dixitación de forquita. O resto de graos están practicamente temperados, excepto o segundo que fica tamén algo baixo como en tantos punteiros antigos.
Ten uns sorprendentes desgastes dixitais, por iso o escollemos para datalo e comprobar a súa antigüidade polo método do 14C-AMS. O noso método de datación polos desgastes dixitais dicíanos que foi usado nada menos que 450 anos, que cos 50 anos de descanso que estivo sen usarse, daríanos unha idade mínima de 500 anos, ou sexa, que tería sido fabricado arredor do ano 1520 AD. A datación polo 14C AMS indicaba unha idade calibrada de 1516-1590. Así pois é, con moitísima probabilidade, un punteiro do século XVI.
Realizamos dúas réplicas do mesmo, unha para os nosos amigos “Os Carriços” e outra para nós. Neste caso foi realmente fácil acharmos unha palleta que equilibrase ben a tónica e a dominante, bastou con empregar unha copia dunha palleta antiga de Coimbra. Isto permitiunos corrixir as modificacións que tiña nos furados superiores. Montámolo nunha gaita de fol copiada dun fermoso exemplar moi antigo que achou Antonio Freire en Coimbra, unha gaita co vestido propio desta zona, polo que sabemos que polo menos foi usada aquí durante moitos anos. Quedou así composta unha gaita de fol coimbrã ao máis puro estilo antigo da zona: torneado clásico do noroeste, punteiro de ébano e marfil e resto da gaita buxo, co típico vestido onde o soprete se ata no pescozo do animal e punteiro e roncón nas patas.
Antiga gaita de fol ao máis puro estilo coimbrã, achada por António Freire nesta zona.
Réplica do punteiro da marmeleira
A nova gaita de fol de Serxio Castanheira co punteiro do Ti Chico da Marmeleira.
Aquí vos deixamos un vídeo para que poidades escoitar esta gaita.