Esta sección contén o arquivo que a Rosa e eu puidemos xuntar dende o ano 1993 que comezamos o noso traballo de campo. Son, a día de hoxe, máis de 900 horas de gravacións que poñemos ao voso dispor. Moitas delas corresponden a Galiza, por exemplo os repertorios de máis de 160 gaiteiros tradicionais e moitas gravacións de cantadoras, pero tamén hai moitas cousas de Portugal, Zamora e Asturias.

Hai moitos anos doamos as máis de 325 horas de gravacións que tiñamos feitas daquela ao Arquivo Sonoro do Consello da Cultura Galega e, recentemente, depositamos tódolos nosos rexistros no Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade (APOI) do Museo do Pobo Galego que dirixe a nosa amiga Concha Losada. En ambas institucións podes consultar as gravacións en persoa cando o desexes.

Non entanto, para facilitar o acceso a todo este material, Rosa e eu decidimos dar a oportunidade de que recibades as gravacións nas vosas casas en formato MP3. Deste xeito, para solicitar calquera rexistro que che interese deberás seguir os pasos indicados abaixo.

  • Busca as gravacións

    Pescuda nesta base de datos as gravacións ou rexistros que che interesan. Podes introducir no buscador o nome dun grupo musical, dun evento, dunha persoa, ou mesmo dunha aldea, parroquia ou concello de onde che interesa a música, mais tamén podes percorrer a base de datos. Estamos a traballar en mellorar a identificación dos rexistros.

  • Enche o formulario de solicitude

    Debes cubrir e asinar este formulario de solicitude, indicando o número do rexistro ou rexistros que queres recibir. Este número é o que consta na columna da esquerda de todo co nome “Nº de cinta”.

  • Envíanos o formulario

    Finalmente, envíanos o formulario cuberto por correo electrónico a pablo.carpin@gmail.com

    En canto teñamos un anaquiño de tempo, recibirás as gravacións en MP3 a través do teu correo electrónico.

  • Doazóns

    Posto que seguimos a traballar para que este arquivo medre e estea sempre ao teu dispor, podes colaborar connosco facendo unha doazón, pero non é obrigatorio para recibires as gravacións.