Nestes trinta anos de rexistros e documentación de gaitas de fol e outros instrumentos musicais antigos, moitos amigos nos teñen acompañado e facilitado o labor de buscar, achar e documentar gaitas de fol e outros instrumentos musicais en cada territorio. Henrique Oliveira, Francisco Pimenta, Tiago Morais, Gustavo Portela, João Raimundo e António Freire son de inestimable axuda para aquelas gaitas do centro e sur de Portugal, igual que Napoleão Ribeiro no norte. Ramiro Fernández, Paulo Preto e Paulo Meirinhos en Trás-os-Montes; o noso amigo Jesús Ángel Santiago en Aliste e os nosos queridos Alberto Jambrina e Pablo Madrid en Zamora. Diego Bello tamén nos informa de achados no Bierzo. O profesor de música, músico e artesán de frautas e tambores Luis Mondelo merece unha mención singular, pois xuntos temos feito longas campañas de documentación de frautas e gaitas de fol por todo o noroeste, vivindo momentos inesquecibles e forxando unha amizade que excede os propios límites desta palabra, caso semellante ao que nos acontece con Luis Miguel Morillas e a súa muller Lourdes García-Lisbona, que nos pasean por Aragón na procura das vellas gaitas de boto e aos que nos xungue un agarimo especial.
En Galiza os amigos que nos teñen axudado nesta labor son innumerables, non os podemos citar a todos porque sería imposible lembrar agora tantas persoas que nos teñen apoiado desinteresadamente, pero non podemos deixar de agradecer a axuda de José Presedo, Olimpio Xiráldez e Xaneco Tubío, desinteresados mestres e amigos que tanto nos teñen ensinado como artesáns, dispostos en todo momento a colaborar e a dar información sobre calquera proceso, ferramenta ou instrumento musical que se lles antolla pode ser do noso interese; igual que os irmáns Xosé Manuel e Alfonso Gil, estupendos artesáns sempre dispoñibles para axudar, e dos que non paramos de aprender cousas, persoas amables e pendentes de enviar calquera informe sobre as gaitas antigas que van caendo nas súas mans. O noso amigo Ricardo Caxide, cunha enorme colección de gaitas, ten sempre a deferencia de comentarnos as cousas que vai aprendendo e de prestarnos os instrumentos para rexistralos, igual que Félix e Cástor Castrovicente, entrañables amigos dende hai tantos anos. O mesmo podemos dicir dos compañeiros do grupo Picuíña de Marín, Jose, Félix, Raul, Josean e demais achegados, sempre informando de novos e interesantes achados, como Luis Fernando López que, ademais, nos ten axudado nalgún experimento. Carlos Osorio, a persoa que máis sabe das gaitas de Arzúa e Terra de Melide, tamén nos ten axudado, sobre todo, a aprender cousas novas. Cos nosos grandes amigos e compañeiros do grupo da Requinta de Xián, Santiago Otero, Xabier Canabal, David Pardo, Álvaro “O Barreiro”, Manuel Pardo e David Botana temos documentado gaitas e requintas por toda a comarca da Ulla… Janite de la Fuente, querido amigo e compañeiro de Ultreia, fíxonos as fotos da portada desta páxina.
Os directores de moitos museos do noroeste que gardan nos seus fondos antigas gaitas de fol abríronnos as súas portas e merecen o noso recoñecemento. Caso do noso amigo Alfonso Fernández, do Museo da Gaita de Xixón, home cultísimo e meticuloso co que tantos interesantes debates temos mantido. Paulo Costa, director dun dos mellores museos de etnoloxía da península, o Museu Nacional de Etnología de Lisboa, permitiunos por varias veces documentar as fantásticas gaitas de fol coleccionadas por Ernesto Veiga de Oliveira. Tamén no país veciño, Celina Bárbaro do Museu da Terra de Miranda, Conceição Correa do Museu da Musica Portuguesa-Casa Verdades de Faria (Cascais) e Helena Miranda do Museu Nacional da Música (Lisboa) só tiveron facilidades para co noso traballo. Susana Hevia do Museu Etnográfico de Grandas de Salime e Luciano Pérez, da colección de instrumentos da Deputación de Lugo, tamén nos permitiron extraer tódolos datos necesarios daqueles instrumentos e ferramentas custodiados nas súas institucións. Mención especial merece o Museo de Pontevedra, dirixido na altura en que fixemos o groso da documentación das gaitas de Manuel Villanueva e Perfecto Feijoo por Carlos Valle, un sabio sempre disposto a ensinar e a facilitar o traballo dos investigadores, a quen debo inmensa gratitude, igual que a Natalia Fraguas, a técnica do museo que con grande amabilidade e disposición sempre nos facilitou o traballo de documentación.
A outro nivel ben distinto, o da análise e o pensamento, os irmáns Iván e Ramón Area, matemático un e filósofo-psiquiatra o outro, amigos queridísimos, teñen sido de importancia fundamental para todo este traballo. A edición de “Os instrumentos Musicais na Tradición Galega” non se tería feito sen Iván, nin a teoría sobre a relación entre as gaitas de fol e a paisaxe sen Ramón, por poñer só dous destacados exemplos.
Non podemos rematar este espazo de agradecemento sen mencionar a algúns dos nosos mestres gaiteiros, que foron tamén moi queridos amigos. Se algo tivo de malo o traballo de campo, foi unicamente ter que despedirse destas persoas tan pronto, a ferida da súa perda seguirá para sempre aberta. José Marentes, gaiteiro de Santa Xuía na Fonsagrada, Manuel Viqueira de Ordes e Andrés Rodríguez de Vilamaior, foron quizais os gaiteiros dos que máis aprendemos e cos que establecemos unha relación máis profunda. Tanto foi así, que a covardía e a dor non nos deixaron nin asistir aos seus funerais. O mesmo nos aconteceu con Darío Díaz de Paíme, ao que sempre botaremos de menos. Outros mestres gaiteiros cos que compartimos inesquecibles momentos foron Juan Ferreiro de Laroá, que tantas cousas nos ensinou e que nos agasallou coa gaita de seu pai, ou Manuel Gutiérrez, “O Rubio de Maderne”, con quen mantivemos horas e horas de interesantísima conversa na súa vella lareira… menos mal que aínda nos quedan algúns mestres e amigos vivos, como Nela de Taramundi e César de Leitoego, ou eses tres gaiteirazos tan entrañables e queridos que son Desiderio de Villarmidi, Constante de Vilar de Calvos e Modesto da Fonsagrada.
A todas estas persoas, e a moitas outras, debemos un inmenso agradecemento, pero, o máis interesante dende logo, non foi a súa colaboración neste traballo, senón o establecemento a través del dunhas relacións de amizade, na maioría dos casos de moi profundo calado, que en realidade superan en importancia calquera traballo científico sobre estes obxectos musicais e que son, para nós, o froito máis importante desta investigación.
Por último, Juan Daniel Burró fixo o desenvolvemento desta páxina web que, como podedes observar, no é só unha plataforma de venta das cousas que construímos, senón que ten tamén unha utilidade para o coñecemento e a difusión da nosa música de tradición. Moitas grazas Juan pola túa paciencia e por este grande traballo.