Os ofrecemos un servicio de restauración de instrumentos antiguos, bien sean flautas, requintas, gaitas, tambores o cualquier tipo de instrumento tradicional. Especialmente nas gaitas de fol podemos buscar cales eran as súas palletas orixinais e empalletalas con copias de palletas antigas para recuperar o seu son orixinal. Aquí deixámosvos algúns exemplos de como traballamos.
RESTAURACIÓN DA GAITA DE EMILIO MESIAS
O noso amigo Emilio Mesías tróuxonos a gaita da súa familia para restaurar. O estado no que estaba podédelo ver nestas fotografías.
Este instrumento ten unha longa historia que nos trasladou Emilio. O seu bisavó Andrés Mesías Ardá naceu o 28 de outubro de 1876 en Simou, aldea do concello de Mugardos (A Coruña), falecendo en 1933. Coñecido como o Gaiteiro de Simou, foi carpinteiro ademais de gaiteiro, acordeonista e construtor de gaitas, polo que esta gaita probablemente saíu das súas mans. Desenvolveu a súa actividade musical nas festas e celebracións da comarca, acompañado en ocasións por sobriños e outros membros da familia. Foi o iniciador dunha estirpe de músicos coñecida como os Mesías de Simou, cuxo legado se mantivo e mantén vivo tanto na súa descendencia directa como noutras ramas familiares, que continuaron e continúan cultivando a música, tanto de maneira amadora como profesional.
O seu fillo, Alfonso Mesías Rebón, foi tamén gaiteiro, tocador da caixa en procesións e do jazz nos bailes do Salón do “Parrocho” (Casa Sardiña). Levou esta gaita durante a súa emigración ao Brasil. Cando posteriormente continuou a súa vida en Venezuela, o instrumento regresou a Galicia. As pezas deste instrumento permaneceron gardadas durante décadas nunha maleta, na mesma coa que viaxara de volta, como testemuñas dunha historia familiar marcada pola música e a emigración.
Conservábanse dúas primas do ronco, un punteiro, un soprete, varias buxas e un fol de pneumático. Estas pezas constituíron o punto de partida para a recuperación do instrumento. Para Emilio Mesías, bisneto de Andrés e neto de Alfonso, músico e tamén gaiteiro, aquela maleta sempre representou algo máis ca un conxunto de pezas antigas. Era unha testemuña da memoria familiar, unha historia na que recoñecerse e un vínculo cos seus antepasados. Durante anos mantivo o desexo de recuperar aquela gaita e devolverlle a vida, así que nos puxemos a iso.
A reconstrución e reinterpretación do instrumento realizámola sempre de acordo con Emilio. Como vés nesta imaxe, fixemos un plano para o torneado do soprete, da segunda e da copa do roncón seguindo os deseños das mesas dunha das primas, que se conservaba. Excepto por saber como era exactamente o deseño das curvas da parte final da copa e das femias, o deseño dun roncón pódese deducir con bastante facilidade a partir das molduras da prima. Como Emilio non quixo tinguir as pezas de buxo feitas de novo, debían quedar na súa cor natural e escollemos algunhas pezas de buxo que xa eran escuras por natureza.
A peza máis complicada de restaurar foi, dende logo, o punteiro. Está feito en pau santo do Brasil (Dalbergia nigra) e estaba moi danado, ademais era moi delicado: ten un espesor da parede de aproximadamente 1 mm na zona central do fuste. Estaba roto e os anacos que saltaran foran pegados con cola de contacto. Seguramente rompeu por torsión: nalgún momento alguén debeu de intentar sacalo da buxa xirándoo por abaixo. O punteiro, ademais, viña cunha espesa capa de verniz moderno.
Aquí tedes unha secuencia en fotografía do que houbo que facer:
O primeiro foi quitarlle o verniz cun decapante. Despois houbo que despegar con coidado todas as pezas que estaban mal pegadas con cola de contacto. Ao irmos despegando esas pezas, o punteiro quedou como vedes aí, cuns buratos enormes e todo raxado de arriba abaixo, coas fendas cheas de lixo. Limpamos os restos de cola de contacto das fendas, dos bordos do punteiro e tamén dos bordos das peciñas de madeira que fomos quitando. Unha vez que estivo todo limpo, comezamos a pegar cada peza no seu burato, unha a unha, pois todas á vez non nos deixaban axustalas ben. Empregamos unha pasta feita mesturando po de Dalbergia nigra, que tivemos que obter lixando unha peza no torno, e resina. Con esta mesma pasta fomos tamén enchendo as fendas que de xeito natural xa non se aproximaban.
No punteiro faltaba unha peza, que no orixinal fora arranxada cunha madeira branca, podedes vela nesta fotografía. Polo visto deberon de perder o anaco orixinal e tivemos que facelo de novo. Houbo que tornear un cono cos mesmos diámetros externos e internos que o punteiro nesa zona, e despois cortalo de xeito que quedase do mesmo tamaño que a peza que necesitabamos. Como vedes, houbo que fender o cilindro torneado e ir tallando un anaco ata que axustase perfectamente. Unha vez axustada, houbo que pegala, coa mestura de resina e po de madeira.
Con isto os furados e fendas do punteiro estaban listos, agás pola parte de abaixo, que, como podedes ver, estaba rota: a anela que debía de ter caera, algo moi frecuente nos punteiros antigos, e a parte da madeira que a soportaba estaba rota polo bordo, faltaba bastante madeira desta moldura. Probando cunha palleta feita como as antigas desta zona, grande e cadrada, pareceunos que o punteiro podía ter un bo resultado sonoro, así que decidimos deixalo o mellor que puideramos e restaurar tamén esta parte da campá. Para iso tivemos que tornear de novo un anel coas mesmas medidas e a mesma moldura que o punteiro. Despois tivemos que arranxar esa zona do punteiro para poder pegar un anaco da moldura enriba, así que tivemos que limar a man a parte que estaba rota. Despois, da peza torneada cortamos un anaco dun tamaño aproximado ao que faltaba no punteiro, e fómolo tallando a man ata que axustou perfectamente. Outra vez resina con po de madeira, deixalo secar, e ficou como vedes nestas fotografías.
Xa podedes ver toda esa resina que agora había que retirar limando todo a man, porque no torno non se podía facer, sen atacar a madeira do punteiro. Nas fotografías vedes como foi quedando. A campá foi un pouco complexa de limar, pola súa curvatura, pero conseguimos un bo acabado.
Despois houbo que facer unha anela, porque estes punteiros de madeiras negras de importación levaban normalmente anelas de marfil, así que fixemos unha anela de imitación de marfil e pegámola con resina. Aquí si que houbo que arriscar un pouco, porque había que meter o punteiro no torno para darlle forma xusta á anela. Protexémolo todo con cinta illante para evitar que sufrise torsións e, pouco a pouco, fomos torneando a anela co mesmo deseño que a anela da mesa do punteiro, pois así nolo pediu Emilio.
Como xa vistes, o punteiro tiña un burato para a tónica para tocalo coa man esquerda abaixo, e Emilio toca coa man dereita abaixo. Así que tivemos que tapalo cun anaquiño de madeira que tamén tivemos que tornear e axustar despois ao furado. Para rematar, démoslle aceite de liñaza a todo o punteiro, deixámolo secar, pulímolo, e quedou co aspecto que tedes aí.
O último traballo co punteiro foi buscarlle unha palleta coa que soase ben. Partimos do modelo que facemos para as gaitas de Villanueva, unha palleta cadrada e grande, coa que xa soaba ben, pero coa afinación desequilibrada, así que houbo que modificar as medidas das palas e do ferrete. Finalmente, despois dalgunhas probas conseguimos unha palleta que soaba ben e equilibraba os principais graos do punteiro sen ter que tocarlle aos furados. Ao final, o punteiro quedou cunha escala antiga en modo de sol, é dicir, cunha subtónica inferior algo alta, cun terceiro grao ben afinado co roncón e un sétimo grao rebaixado, case tamén unha subtónica, aínda que, como en todos estes punteiros antigos en modo de sol, un pouquiño alta para que afine ben co roncón. En definitiva, é unha escala moi semellante á dos punteiros máis antigos de Pontevedra, o que fala da súa antigüidade.
Só quedaba vestila. O xustillo fixémolo con baieta colorada de lá feita e tinguida a man na Serra da Estrela en Portugal, coa botonadura da tapa como nos pedíu Emilio, semellante a outra gaita antiga que tiñamos reproducido. Finalmente esta fermosa gaita de fol quedou así:
Segundo nos contou despois Emilio, as casualidades da vida fixeron que, sen sabelo, este traballo rematase unha semana antes do 150 aniversario do nacemento de Andrés.
O último paso foi, por suposto, botar unhas pezas con ela. Podesdes escoitala neste vídeo.










































