Descripción
Faustino Santalices (1877-1960) foi un namorado das nosas tradicións, recuperador da zanfona e construtor de gaitas, así como un hábil gaiteiro. Fundou, con Paulino Pérez, o taller de gaitas da Deputación de Lugo. Aprendeu o oficio de construír as gaitas probablemente no obradoiro dos García de Riobó (Berres, A Estrada), pois Faustino gardaba os planos que García lle cedeu de diferentes tonalidades de gaitas. Os seus instrumentos denotan esta orixe, pero caracterízanse pola busca da afinación temperada en alturas concretas e por un bon cromatismo. Algunhas das gaitas fabricadas por Faustino son moi características polo gusto que tiña de facer complexas mesturas de madeiras e marfil, así como polo uso de torneados moi orixinais, por veces bastante afastados da tradición ou con manifestas influenzas escocesas.
Temos documentados, grazas sobre todo aos nosos amigos Cástor e Felix Castrovicente, diversos modelos de gaitas fabricados por Faustino. O que vos amosamos é unha réplica da súa gaita en Do. Este punteiro emprega palletas do modelo antigo da zona occidental galega: grandes e cadradas, con xugo metálico e feitas da parte exterior e dura da cana. Está deseñado para tocar en pechado.
Esta réplica foi feita para Luis Fernando López que vos toca con ela unha muiñeira de Chantada.
Compra por encomenda
Debido ás características das réplicas das gaitas de fol antigas, estas non teñen un prezo fixo asignado, que dependerá do tipo de madeira e outras características estéticas que podes escoller como anelados en diferentes materiais, freques ou reberetados dos vestidos. Todas as réplicas de gaitas de fol teñen unha demora que depende da nosa lista de espera. Consulta con nós para saber máis.
Reseñas
Aínda non hai valoracións.