Descripción
Ao longo da súa vida Basilio Carril, como gran gaiteiro e artesán que era, buscou incesantemente un modelo de punteiro que satisfixera as súas necesidades como gaiteiro. Basilio era natural de A Cela (San Miguel de Vilantime, Arzúa) onde naceu no 1914, fillo de Ramón Carril, tamén gaiteiro e artesán. No 1919 veuse para Santiago onde desenvolveu unha carreira brillante como artesán e gaiteiro. Foi sen dúbida o mellor artesán da súa época e tamén un dos mellores gaiteiros de Galiza en compaña do seu inseparable Juan Bello Mallou.
Basilio Carril desenvolveu punteiros temperados e cromáticos en moitas tonalidades, de feito foi o primeiro artesán en conseguir este logro. Fabricou pequenos punteiros en Fa e Mi agudos, en Re, Do#, Sib e La. Entre os anos 50 e 70 Basilio fixo moitos punteiros de Do diferentes, foi dende logo o modelo sobre o que máis traballou, sen dúbida na procura dunha escala perfectamente temperada e cromática que lle permitise aos gaiteiros interpretar todo tipo de melodías a dúo, mais tamén achamos que buscaba unhas características tímbricas e de volume sonoro que a el lle semellaban superiores aos punteiros que seu pai fabricaba, ou aos que había dispoñibles naquela época. Así, temos documentados máis de cinco modelos de punteiros en Do cromáticos e temperados fabricados por Basilio Carril en épocas sucesivas, uns punteiros que son totalmente diferentes, sen dúbida froito desta procura e investigación, o que demostra o grande traballo que Basilio fixo pola nosa gaita moderna, da que é pai indiscutible. Este artesán foi variando tamén o tipo de palleta que empregaba nestes punteiros, dende a cadrada tradicional de Compostela, ata unha triangular e longa, máis semellante á dun óboe, que lle desenvolveu o clarinetista da banda de Santiago Olimpio Carril (que non era familiar de Basilio), palleta que despois foi imitada por outros palleteiros como Herme ou Rubén durante o rexurdimento que a nosa gaita sufriu a partires dos anos 70.
A finais dos anos sesenta, Basilio xa desenvolvera un punteiro en Do temperado e cromático moi semellante ao definitivo, que chegaría a principios do setenta. Este punteiro é máis curto que o que actualmente fabricamos todos artesáns galegos, copia do definitivo desenvolvido por Basilio, pero ten unha afinación notablemente estable e un timbre máis cheo de harmónicos nas notas superiores; é un punteiro lixeiro no tocar e non requintea, pois esta característica non estivo nunca entre os obxectivos de Basilio ao procederen dunha zona onde este recurso non se empregaba.
Aquí tedes unha historia deste grandísimo artesán, pai da nosa gaita moderna.
Reseñas
Aínda non hai valoracións.