O curso para aprender a facer gaitas de fol que imos celebrar en maio xa ten completas as prazas, así que veño de abrir outras novas datas para celebrar o sexto curso: entre o 21 e o 29 de setembro de 2022. As prazas están igualmente limitadas a catro.

Este curso desenvólvese no noso obradoiro-museo durante sete días días, cunha fin de semana de descanso no medio. Cada día traballaremos de 9h a 15h. Consiste na aprendizaxe de tódalas técnicas necesarias para a construción dunha gaita de fol, dende o taqueado da madeira ata a confección do vestido e montaxe e afinación dunha gaita. O curso ten dúas modalidades:

a) Escolles unha gaita de roncón e punteiro de calquera dos corenta modelos que fabricamos no noso obradoiro e, á vez que fas o curso, traballas na súa confección, ou sexa, constrúes parte da túa propia gaita.

b) Realizas o curso, pero sen levar unha gaita ao final.

O que se aprende e traballa é exactamente o mesmo nas dúas modalidades.

Ao mesmo tempo que se explican tódolos procesos implicados na fabricación dunha gaita, cada participante aprende e realiza cada un deles, e participa na fabricación da súa propia gaita confeccionando dende cero unha peza do roncón. Entre os catro participantes constrúen e afinan un punteiro.

Este curso inclúe os seguintes aprendizaxes:

-Como cortar e taquear o buxo. Manexo da serra de fita.

-Aprendizaxe e manexo do torno.

-Como levantar correctamente os planos dunha gaita.

-Aprendizaxe dun xeito fácil de fabricación e calibración das coitelas cónicas para o interior dos punteiros a partir dun plano.

-Manexo e uso dos diferentes tipos de brocas para furados cilíndricos e cónicos.

-Construción e afiado de coitelas para o torno, da ferramenta de torneado manual e de navallas para facer palletas.

-Traballo das madeiras, cilindrado e furado interior de pezas cilíndricas e cónicas.

-Aprendizaxe e manexo das ferramentas de torneado exterior manual.

-Técnicas de acabado das madeiras (tinguido e diferentes acabados).

-Fabricación de palletas antigas e modernas así como preparación de pallóns.

-Acabado dos punteiros: torneado, taladro dos furados e técnicas para afinalos.

-Deseño de patróns, manexo e uso da máquina de coser e costura dos vestidos.

-Atado dos foles e montaxe da gaita.

Para realizar este curso non fan falla coñecementos previos. Os participantes aprenden dende cero e practican tódolos procesos ata conseguir a súa aprendizaxe e fixación; logo, a práctica ata adquirir habilidade é cousa de cada un. Tamén se fornece a cada participante cun listado de tódolos provedores necesarios para montar un taller (madeira, máquinas, brocas, afiado, plásticos, foles, ferramentas, etc. etc.) e quedamos á vosa disposición para resolver calquera dúbida no futuro.

O obxectivo principal do curso é que calquera participante aprenda absolutamente todo o necesario para facer gaitas de fol.

Aquí vos deixo os comentarios dos catro participantes no primeiro curso:

Óscar Barreiro: Grande curso, grande mestre e grandes compañeiros para unha experiencia inesquecíbel. Grazas Pablo por ter compartido connosco tanto saber.

Roberto Pérez “Reberete” (artesán de gaitas e percusión): Todo parece aliñarse dentro de min, cando quen che ensina novos xeitos do teu oficio, ao que amas, ó mesmo tempo che transmite isto:  “Eu non sei nada que ninguén non me ensinara, o coñecemento é compartido, pertence ás persoas; o que é valioso é a habilidade, a imaxinación, as mans, a creatividade, iso é o que realmente ten valor nun artesán”.

Alexandre Cadarso “Cano”: Neste curso, tiven a ocasión de cumprir un desexo: “participar no proceso de construír unha gaita de fol”. Un curso moi ben estruturado, onde o profesor Pablo Carpintero ademais de dar nocións técnicas (torneado, manexo e afiado de ferramentas, aprender a facer palletas …) soubo crear un ambiente agradábel e de traballo, aportando todo o seu saber e experiencia. Quedei moi satisfeito e recomendo que participedes en cursos futuros. Parabéns Pablo!

Eloi Dávila: De todos é sabido os coñecementos que atesoura Pablo Carpintero pero a mestría estivo en como nos mergullou no seu mundo da tradición, da precisión científica, da sutileza no detalle e do seu bo saber facer. Curso 100% recomendable.

Se queredes máis información sobre prezos e condicións podédesme escribir a pablo.carpin@gmail.com ou chamarme ao 626588381.

Lugar: obradoiro-museo Pablo Carpintero, Santiago de Compostela.