Fabricamos modelos de gaitas galegas con escalas temperadas e cromáticas nas tonalidades de Re, Do, Si, Sib, La e Sol. Tódalas tonalidades foron desenvolvidas a partir de modelos antigos, por canto seu timbre difire das modernas e a súa potencia sonora é considerablemente superior.

Ofrecémosvos tamén réplicas do punteiro de Do que facía Basilio Carril, o gran artesán santiagués que nos anos 1970 desenvolveu, entre outros, o actual punteiro de Do cromático que os artesáns modernos fabricamos. Tamén fabricamos o famoso punteiro en Sib do gran artesán José López Bao.

Tamén fabricamos punteiros xeabreses, mirandeses e coimbrás cromáticos e temperados desenvolvidos en base a modelos antigos.

As madeiras que traballamos para estes instrumentos modernos son o buxo, cocobolo e granadillo. Os anelados poden ser en madeira, latón, imitación de marfil ou aceiro inoxidable. As nosas gaitas de fol vístense con telas de grande calidade e poñemos especial coidado na harmonía cos freques. Tódalas gaitas entréganse cun maletín de madeira, cunha palleta e pallón de reposto, así como co correspondente certificado de construción.