Un dos nosos obxectivos cando comezamos a facer traballo de campo, alá polo 1993, foi recuperar o repertorio antigo das gaitas de fol do noroeste peninsular, mais tamén consideramos que sería estupendo poder interpretalo con instrumentos que tivesen o mesmo son que os antigos, así que dende o principio comezamos a documentar toda canta gaita de fol antiga caeu nas nosas mans, así como os tambores e bombos que as acompañaban. Documentar significou para nós fotografar os instrumentos, levantar uns planos que permitisen a súa réplica exacta e por suposto, recuperar toda canta palleta antiga puidésemos, pois aí reside o segredo do seu son. Obrando con esta metodoloxía pensamos que poñeriamos a salvo eses instrumentos e os seus sons característicos. Así, despois de case trinta anos facendo este traballo temos agora un arquivo con máis de cento cincuenta palletas antigas e case 400 gaitas de fol de todo o noroeste, ademais de varios exemplares de Aragón e Mallorca. Este traballo non tería sido posible sen tódolos amigos que nos axudaron a achar estes instrumentos ou nos facilitaron o acceso a eles, aquí podes ver quen colaborou neste traballo.
Neste apartado podedes ver e escoitar as máis de corenta réplicas de gaitas de fol antigas que levamos realizado ata agora. Acharedes gaitas de fol de Galiza, Portugal, Asturias, Bierzo, Seabra e Aliste, así como gaitas de boto de Aragón e xeremies de Mallorca. Por suposto dámosvos a posibilidade de replicar calquera gaita de fol que queirades.
O proceso de réplica supón a análise científica dos orixinais, consistente na súa fotografía detallada, na medición precisa dos seus interiores e, por suposto, na análise da súa escala musical empregando réplicas das palletas antigas coas que soaban. Unha vez elaborados os planos, construímos as dúas coitelas cónicas que nos permitirán facer os dous conos do punteiro o máis semellantes posibles aos orixinais. Se algunha peza do roncón fose tamén cónica, fabricamos así mesmo esta coitela. Unha vez lista a ferramenta de furar, construímos a réplica empregando, dentro do posible, a mesma madeira que na orixinal. Sempre procuramos respectar os torneados orixinais ( a non ser que o cliente nos indique outra cousa) e somos especialmente coidadosos co mantemento do timbre e a escala musical da gaita en cuestión.
As nosas gaitas de fol vístense con telas de grande calidade e poñemos especial coidado na harmonía cos freques. Tódalas réplicas entréganse cun maletín de madeira, cunha palleta e pallón de reposto, así como co correspondente certificado de construción.
Tamén traballamos de cote para ofrecervos a posibilidade de fabricar gaitas de fol co mesmo timbre que as orixinais, pero con escalas temperadas e cromáticas. Tedes un listado deste tipo de instrumentos na sección de gaitas e punteiros temperados e cromáticos.