Descripción
Ao longo da súa vida Basilio Carril, como gran gaiteiro e artesán que era, buscou incesantemente un modelo de punteiro que satisfixera as súas necesidades como gaiteiro. Basilio era natural de A Cela (San Miguel de Vilantime, Arzúa) onde naceu no 1914, fillo de Ramón Carril, tamén gaiteiro e artesán. No 1919 veuse para Santiago onde desenvolveu unha carreira brillante como artesán e gaiteiro. Foi sen dúbida o mellor artesán da súa época e tamén un dos mellores gaiteiros de Galiza en compaña do seu inseparable Juan Bello Mallou.
Basilio Carril desenvolveu punteiros temperados e cromáticos en moitas tonalidades, de feito foi o primeiro artesán en conseguir este logro. Fabricou pequenos punteiros en Fa e Mi agudos, en Re, Do#, Sib e La. Entre os anos 50 e 70 Basilio fabricou moitos punteiros de Do diferentes, foi dende logo o modelo sobre o que máis traballou, sen dúbida na procura dunha escala perfectamente temperada e cromática que lle permitise aos gaiteiros interpretar todo tipo de melodías a dúo, mais tamén achamos que buscaba unhas características tímbricas e de volume sonoro que a el lle semellaban superiores aos punteiros que seu pai fabricaba, ou aos que había dispoñibles nesta época. Así, temos documentados máis de cinco modelos de punteiros en Do cromático e temperado fabricados por Basilio Carril en épocas sucesivas, totalmente diferentes, sen dúbida froito desta procura e investigación, o que demostra o grande traballo que Basilio fixo pola nosa gaita moderna, da que é pai indiscutible. Este artesán foi variando tamén o tipo de palleta que empregaba nestes punteiros, dende a cadrada tradicional de Compostela, ata unha triangular e longa, máis semellante á dun óboe, que lle desenvolveu o clarinetista da banda de Santiago Olimpio Carril (que non era familiar de Basilio), palleta que despois foi imitada por outros palleteiros como Herme ou Rubén durante o rexurdimento que a nosa gaita sufriu nos anos 70.
A finais dos anos sesenta, Basilio xa desenvolvera un punteiro en Do temperado e cromático moi semellante ao definitivo e que podedes ver premendo aquí, pero o seu modelo definitivo chegaría un pouco despois.
Basilio Carril foi un gaiteiro e un artesán de tal sona que nos anos 60 e 70 era o principal feitor de gaitas de Galiza. Do seu pequeno obradoiro da rúa de San Pedro saían gaitas para toda Galiza, para os reximentos do exército e para tódolos centros galegos. Tal foi o seu volume de traballo que acabou por ter que contratar a outros artesáns galegos para fabricar as súas gaitas e atender a enorme demanda que tiña; deste xeito, os talleres do Marreco e sobre todo o de Riobó, fabricaron pezas para as súas gaitas e mesmo José Seivane, que nalquel momento comezaba a fabricar gaitas, construíu punteiros para Basilio.
Foi nesta época, entre finais dos anos sesenta e a súa morte en 1974, cando Basilio desenvolveu o modelo de punteiro en Do temperado e cromático que, tras a súa morte, seguiron fabricando e modificando os dous artesáns que lle sucederon como principais feitores de gaitas en Galicia, Antón Corral e Xosé Seivane, e que máis tarde moitos outros artesáns posteriores, principalmente formados na escola de Antón Corral, seguiron fabricando e modificando á súa vez. É o punteiro de 312 mm de longo, 4.2 mm de gorxa e 19-20 mm de saída, cromático e temperado, que foi despois lixeiramente modificado por cada un dos artesáns que o fabricou compoñendo así unha familia de punteiros extremadamente homoxénea, que empregan palletas longas e triangulares ou lixeiramente cadradas (coma na escola de Corral). É un punteiro de tocar estable e fácil, de son doce, mais cunha notable pobreza de harmónicos nas notas superiores e escaso volume comparado cos punteiros antigos, o que por veces non deixa de ser unha vantaxe.
Déixovos aquí a fotografía de tres punteiros en Do de Basilio: o primeiro pola dereita é un temperado e cromático dos anos 60; ao seu carón está outro coas mesmas características pero que funciona con palletas grandes e cadradas, era o seu modelo dos anos 50 e, por fin, o terceiro é o punteiro en Do definitivo de Basilio, feito xa nos anos 70. Fixádevos na homoxeneidade na distribución dos furados, na súa busca Basilio foi modificando todo o punteiro pero mantivo ao longo do tempo a disposición e diámetro dos furados.
Basilio foi, pois, o pai da nosa gaita de fol moderna, cumprindo así un dos axiomas do mundo dos artesáns de gaitas: só os bos gaiteiros construíron grandes gaitas.
Posto que Basilio desenvolveu este punteiro para dixitar en aberto, é un modelo complexo de por a tocar en dixitación pechada, onde perde aínda máis calidades sonoras e estabilidade.
Reseñas
Aínda non hai valoracións.