Partindo da idea de que os dedos ao tocar desgastan a madeira que rodea aos furados dun punteiro, dende hai seis anos levamos desenvolvendo un proxecto de investigación que intenta datar os instrumentos polo seu desgaste dixital. Despois de medir 144 punteiros de todo o noroeste, de moitos experimentos e de moita análise estatística coa axuda do matemático Iván Area, conseguimos desenvolver un modelo matemático que calcula un tempo de uso para un punteiro en base aos seus desgastes dixitais. Posto que isto non era máis que un modelo, decidimos comprobar se as predicións que facía eran certas, así que escollemos os punteiros que o modelo daba como máis antigos e datamos as súas madeiras coa técnica do carbono 14. Se vos fixades, o modelo daría unha idade mínima para o instrumento (un tempo de uso) e o 14C unha idade máxima, a da morte da madeira coa que foi construído. As datacións do 14C confirmaron tódalas predicións do modelo, por canto foi validado, é dicir, podemos saber con bastante precisión canto tempo foi usado un punteiro simplemente empregando un calibre e un algoritmo bastante sinxelo, e isto vainos permitir escribir a historia do noso instrumento cunha precisión case asombrosa.
A conclusión máis sorprendente é que temos gaitas no noroeste que levan sendo usadas ininterrompidamente dende finais da Idade Media, por exemplo, a madeira do punteiro da gaita de Xan de Campañó (que podedes ver na fotografía), foi datada polo 14C entre 1420 e 1450, mentres que o modelo dálle un mínimo de 490 anos de uso. Pero achamos punteiros con madeiras mortas dende o século XV ata o XVIII, todos en uso continuado dende entón!
Podes escoitar a gaita de Xan de Campañó neste vídeo.
Outra conclusión é que as gaitas máis antigas do noroeste só aparecen dende a provincia de Pontevedra cara ao sur. Na mostra que tomamos en cada zona (sempre maior de 30 punteiros antigos) non hai punteiros con máis de 300 anos de Pontevedra cara ao norte, é dicir, en toda Galicia excepto Pontevedra (58 punteiros analizados) e en Asturias (30 analizados) non achamos ningún exemplar con máis de 300 anos. Mentres que en Pontevedra, só con 9 punteiros analizados 4 tiñan máis de 300 anos (44%!). En todo Portugal (Coimbra, Trás-os-Montes e Estremadura) a frecuencia de aparición destes instrumentos moi vellos rolda sempre o 25%. Isto podería indicar que a gaita é moi antiga no sur do noroeste (Portugal e Pontevedra) e que despois do XVIII se foi expandindo cara ao norte! Isto explicaría por que na provincia de Pontevedra se acumula a maior cantidade de tipoloxías de gaitas de fol diferentes: Rosca, gaitas de pallón, gaitas sinxelas, gaitas de ronquillo e gaitas de dous bordóns no ombreiro (de barquín ou de soprete).
Por último, se hai gaitas en uso continuado dende fins da Idade Media, tamén quere dicir que estas gaitas estiveron sempre adaptadas ao sistema musical en uso, ou sexa, que o sistema musical medieval non mudou entre o pobo ata aproximadamente mediados do século XIX. Outra sorpendente conclusión.
Este estudo non tería sido posible sen moitos de vós, amigos que me tedes acompañado nel buscando gaitas antigas e facilitándome a súa documentación, non vos nomeo porque sería moi longo e porque xa aparecedes todos aquí. Pero ao meu amigo Iván Area teño que mencionalo, pois sempre está detrás do cumprimento dos meus soños. Sen el isto non tería sido posible. Este traballo será presentado como tese doutoral baixo a súa dirección e a de Susana Reboreda a principios do 2023 na UVigo.
Anímovos a pasar o venres 22 de abril, ás sete da tarde, polo Edificio Castelao do Museo de Pontevedra a participar na presentación das conclusións deste estudo e a escoitar algunhas das gaitas máis antigas do noroeste en directo.