Temos preparadas diferentes charlas-concerto baseadas na análise científica dos datos recollidos durante o noso traballo de campo. Tamén che ofrecemos a posibilidade de encomendar charlas específicas sobre calquera tema que teña que ver coa nosa música tradicional.
Se queres contratar calquera delas, ou solicitar un presuposto, ponte en contacto con nós por de calquera dos medios que che ofrecemos aquí.
As charlas que xa temos preparadas son as seguintes:
- Música e evolución
- Música e paisaxe. As gaitas de fol do noroeste peninsular e a súa relación coa paisaxe
- As orixes da música
- As orixes dos instrumentos musicais
- Os instrumentos musicais femininos
- Feminino-Masculino
- As trompas ou guimbardas
- Orixe e historia das gaitas de fol
- Aerófonos e gaitas de fol medievais
- As gaitas de fol barrocas
- As gaitas de ronquillo pontevedresas
- A música galega nos séculos XVII e XVIII
- As gaitas de fol no Camiño de Santiago
- As palletas
- Falando a Música
- Os sons do Antroido
- As gaitas de fol na provincia de Pontevedra. Unha nova hipótese sobre a orixe das gaitas de fol.
Música e evolución
Este concerto didáctico pretende amosar e por en valor o noso patrimonio cultural musical, pero tamén falar da música como manifestación cultural esencial para os humanos. Así, no concerto explícanse as últimas teorías científicas sobre o que é a música e que o sentido que tivo e ten dentro da nosa evolución como especie. O discurso vai guiado pola analoxía que existe entre a evolución da nosa especie nos últimos catro millóns de anos e o desenvolvemento musical das nenas e dos nenos galegos. É pois un concerto que pertence á disciplina da biomusicoloxía.
Neste concerto tocamos con 43 instrumentos musicais diferentes, dos máis de 160 documentados en Galicia. Por outra parte, este concerto contén tamén unha fonda revisión do papel esencial que as mulleres xogan na música humana.
Vai dirixido a todo tipo de público, pois aporta información relevante sobre a nosa evolución como especie e os procesos de evolución cultural. Tamén pretende por en valor e dar continuidade a un coñecemento propio e substancial da nosa cultura.
Posto que as informacións nas que se basan foron obtidas de xente maior, é un concerto que resona fondamente coa experiencia vital dos nosos maiores.
Os obxectivos principais desta charla-concerto son:
- Por en valor unha parte importante da nosa cultura.
- Difundir e afianzar o emprego da nosa lingua como vehículo de expresión.
- Resaltar o papel das mulleres como organizadoras das sociedades humanas.
- Destacar a importancia dos nenos e nenas nos procesos culturais humanos.
- Afianzar valores do noso patrimonio cultural inmaterial como o respecto polos maiores e os seus coñecementos, a importancia da reciclaxe, o valor do esforzo e o traballo continuo, a valoración da natureza e o desenvolvemento sostible.
Podes ver unha gravación en directo deste concerto premendo aquí, ou outro semellante gravado no noso museo aquí.
Neste outro enlace tes o concerto en castelán. Como ves, os guións van sempre variando co tempo!
Música e paisaxe. As gaitas de fol do noroeste peninsular e a súa relación coa paisaxe.
Trátase dunha charla-concerto no que se percorren as principais tradicións gaiteiras do noroeste peninsular segundo Rosa e eu a vemos: Asturias, Eo-Navia, Terra Chá, as gaitas de catro voces de Arzúa e Terra de Melide, as gaitas da Galicia central (a chaira de Lugo e Ourense), así como as gaitas de fol da Galicia occidental (é dicir, as gaitas de ronquillo); tamén veremos as gaitas de Barquín do Baixo Miño e, continuando para o sur, a cultura minhota, trasmontana, coimbrá e estremeña en Portugal e a xabresa en Zamora. En total escóitanse 12 gaitas de fol diferentes, cada unha acompañada co seu tambor específico, tocando repertorio propio coa súa dixitación e técnica particulares.
No concerto téntase respostar a unha pregunta: por que as gaitas son diferentes? ou, o que é o mesmo: por que os habitantes do noroeste somos diferentes culturalmente? A resposta pensamos que está na paisaxe que ocupamos. A nosa proposta é que as gaitas de fol son e falan como é a paisaxe na que viven. Así, nesta charla-concerto conseguimos explicar a relación que manteñen as principais características que nos permiten diferenciar as distintas gaitas de fol do noroeste (dixitación, ornamentación, tambores, torneados, palletas, conos internos, etc.) coa paisaxe que habitan, unha relación que é bastante sorprendente.
Podes ver un concerto semellante premendo aquí. Neste outro enlace tes o concerto en castelán. Ten en conta que os guións van sempre variando co tempo!
As orixes da música
Esta charla explica cal é a orixe da música na especie humana segundo as últimas teorías científicas, así como a súa relación coa nosa evolución como especie. É un concerto que pertence ao campo da biomusicoloxía.
As orixes dos instrumentos musicais
Nesta charla-concerto afondamos no coñecemento dos instrumentos musicais máis antigos que teñen aparecido nas escavacións arqueolóxicas do Paleolítico e Neolítico europeos. Vemos cales son as súas principais tipoloxía, cales son as súas morfoloxías concretas e cal se supón que eran os seus usos. Durante esta charla poñemos de manifesto un feito intrigante: todos estes instrumentos musicais paleolíticos se achaban en uso na Galiza dos séculos XIX e XX. Cal é a explicación deste feito e que importancia ten para a comprensión dos instrumentos musicais do Paleolítico é outro dos obxectivos desta charla-concerto.
Os instrumentos musicais femininos
Nesta charla-concerto concentramos os nosos esforzos en explicar cales foron os instrumentos musicais empregados polas mulleres galegas, as principais detentoras da nosa lírica popular. Poderedes ver como elas foron o principal sustento da nosa música de tradición e como o seu instrumentario gozaba dunha variedade sorprendente. Tamén explicamos como a súa música e os seus instrumentos musicais conteñen os sorprendentes restos dunha época pre-patriarcal, unha época nas que as mulleres ostentaban un coñecemento e un poder ben diferente ao actual.
Feminino-Masculino
Unha charla concerto sobre o xénero na nosa música tradicional que expón e explica a orixe das diferenzas que achamos entre os xeitos de facer música das nosas mulleres e nenas, e dos nenos e homes. Unha interesante visión dende o punto de vista da biomusicoloxía, a etnomusicoloxía e a evolución Darwiniana.
As trompas ou guimbardas
Nesta charla-concerto explicamos as orixes e os usos das trompas no mundo, dende o Vietnan ata Galiza, abordando a súa variabilidade e distintos xeitos de interpretación. Empregamos para elo a nosa colección de máis de quince trompas diferentes e explicamos os últimos achados sobre a orixe das trompas europeas.
Orixe e historia das gaitas de fol
A gaita ten unha longa historia, máis de 40.000 anos documentados produciron moi diversos tipos que se foron asentando nas diferentes culturas do vello mundo. Co paso do tempo, as gaitas convertéronse en gaitas de fol ao engadírselles un depósito para o aire, e estes instrumentos que pasaron a formar parte da identidade de moitos pobos europeos. Con máis de 15 tipoloxías documentadas, o noroeste da Península Ibérica é, sen dúbida, o país das gaitas de fol. Dende Setúbal a Cantabria este instrumento amosa unha fermosa variabilidade en canto a xeitos de interpretación, repertorio, dixitacións, etc.
Neste concerto repasamos a historia das gaitas e gaitas de fol e vemos como cada unha destas culturas expresa a súa identidade a través destes 15 instrumentos diferentes. Nel podemos escoitar algunhas gaitas medievais e explicamos como a súa variabilidade orixinou as variantes que chegaron ata nós. Con réplicas ou gaitas antigas orixinais de cada unha das gaitas documentadas no noroeste peninsular interpretamos varias pezas do seu repertorio, acompañadas polos instrumentos de percusión que lles son característicos e coa técnica propia de cada zona. Tamén explicamos a influencia que pensamos tivo o Camiño de Santiago na difusión da gaita de fol polo occidente europeo.
Podes ver esta charla-concerto premendo neste enlace.
Aerófonos e gaitas de fol medievais
A iconografía medieval deixou en todo o noroeste fermosos exemplos de gaitas de fol e aerófonos relacionados con ela. Despois do seu estudo científico, temos reproducido algúns destes modelos de aerófonos e gaitas medievais que vos presentamos neste concerto xunto coa nosa hipótese da orixe e evolución das gaitas de fol na Europa Medieval.
As gaitas de fol barrocas
A nosa música de gaita reflicte características que a colocan, en grande medida no período barroco; así mesmo, moitos dos modelos de gaitas de fol antigas que temos achado na nosa xeografía pertencen con seguridade a este período. Nesta charla concerto tentamos unha reconstrución da música das gaitas daquela época a través das informacións iconográficas e musicais que chegaron ata nós.
As gaitas de ronquillo pontevedresas
A cidade de Pontevedra e os seus arredores conservaron unha tipoloxía de gaita de fol moi particular e única en Galiza: a gaita de ronquillo. O Museo de Pontevedra conserva tres destas gaitas de fol e as ferramentas para construílas que conecta a tres importantes persoeiros pontevedreses, moi relacionados coa nosa música de tradición: Casto Sampedro, Perfecto Feijoo e o gaiteiro e construtor Manuel Villanueva de Poio. Os tres viviron entre os séculos XIX e XX e desenvolveron actividades que transcenderon o tempo pola súa importancia para a nosa cultura musical. Casto Sampedro, ademais de ser fundamental na creación do Museo de Pontevedra, reuniu un dos cancioneiros musicais máis importantes da nosa terra; este compilador prestou moita atención a Manuel Villanueva, un dos gaiteiros e construtores de gaitas máis renomeados da súa época, quizais porque Casto Sampedro se decatou de que Manuel era portador dos restos dunha ancestral cultura relativa á gaita.
Manuel Villanueva, pola súa parte, foi mestre gaiteiro de Perfecto Feijoo, farmacéutico pontevedrés tamén moi relacionado co Museo de Pontevedra e outro gran compilador de música tradicional, ademais de fundador do senlleiro coro Aires da Terra. Á súa morte, Manuel Villanueva cedeu a Perfecto Feijoo as súas dúas gaitas e as ferramentas que empregaba para construílas. Estas ferramentas, que incluían dous punteiros moi antigos, así como as dúas gaitas de Villanueva e outra gaita tumbal, que Manuel lle construíra a Perfecto Feijoo, acabaron nos fondos do Museo de Pontevedra.
Por outra banda, en Campañó (Poio, Pontevedra) consérvase outra sorprendente gaita de ronquillo, cun punteiro que data probablemente de mediados do século XVIII, que pertenceu ao famoso gaiteiro Xan de Campañó, discípulo tamén de Manuel Villanueva.
Deste xeito, esta colección de melodías, instrumentos musicais e ferramentas converteuse nunha auténtica cápsula do tempo da música de gaita da Pontevedra do século XIX, unha tradición que funde as súas raíces na noite dos tempos.
A análise e estudo destas gaitas, punteiros e ferramentas levounos a diversas e interesantes conclusións sobre a orixe desta tipoloxía de gaita propia de Pontevedra (a gaita de ronquillo) e das súas melodías e xeitos de interpretación. Para recuperar o son destes instrumentos replicamos a gaita de Perfecto Feijoo, a gaita redonda de Villanueva, a gaita de Xan de Campañó e uns dos punteiros que se acha entre as ferramentas de Villanueva, un fermoso instrumento probablemente tamén de mediados do século XVIII.
Nesta charla concerto poderedes escoitar estes catro fermosos instrumentos interpretando o seu repertorio orixinal, así como as conclusións que fomos quen de tirar do seu estudo.
As gaitas de fol no Camiño de Santiago
Neste concerto didáctico amósanse os diferentes tipos de gaitas de fol que aparecen no noroeste da península ibérica dende Lisboa ata Asturias, pasando Galiza, todo Portugal e Zamora, organizadas seguindo as principais rutas Xacobeas. Explícase a nosa hipótese do desenvolvemento da gaita de fol no noroeste peninsular medieval e a súa expansión pola Europa occidental a través do Camiño de Santiago e da relación das características musicais dos diferentes tipos de gaitas coa paisaxes onde habitan. O concerto está integramente realizado con réplicas construídas polos autores a partir de gaitas e tambores históricos, interpretando repertorios propios de cada zona empregando as súas dixitacións e xeitos característicos nun intento por recuperar e facer comprender ao público os sons característicos de cada zona cultural.
O final do concerto, unha peza interpretada cunha gaita orixinal de Basilio Carril, goza dunha certa dose de xustiza poética, pois foi este fenomenal gaiteiro e excelente artesán santiagués quen desenvolveu, entre os anos 1960 e 70, o tipo de gaita de fol galega moderna que veu a desprazar a todos os tipos antigos e acabou por influenciar ao resto de gaitas de fol peninsulares, rematando espallada polo mundo enteiro ao seren o modelo imitado por tódolos artesáns galegos modernos que herdaron a sabedoría de Basilio. Así, a historia repítese e Santiago de Compostela primeiro, e toda Galiza despois, volveron ser, sete séculos despois, un epicentro dende onde irradia a cultura, física e inmaterial, da gaita de fol, por máis que estamos seguros de que no proceso medieval foi todo o noroeste peninsular, e non só Galicia, o epicentro desta radiación cultural.
Podes ver esta charla-concerto premendo neste enlace.
As palletas
A alma dos aerófonos de lingüeta dupla son o que os galegos denominamos “palletas”. Este grupo de instrumentos teñen unha antigüidade que se perde na noite dos tempos. Nesta charla-concerto explicamos as orixes das palletas, repasando algúns dos instrumentos máis antigos que as empregaban, como os aulòs gregos (do que temos replicado o exemplar conservado no Louvre) ou as gaitas de Ur. Na península Ibérica temos moitos instrumentos de Palleta e todas as gaitas de fol usan este elemento. Explicamos cales son as diferentes morfoloxías de palletas na península e tamén como a etnografía nos conta como puideron ser as palletas das antigas gaitas de fol antes da chegada da cana a Europa no século XVI.
A música galega nos séculos XVII e XVIII
Os datos iconográficos, os textos conservados da época barroca e algúns instrumentos musicais moi antigos que chegaron ata nós presentan un rico panorama musical da Galiza desta época. Nesta charla concerto repasamos os datos que temos e como a través deles podemos ir reconstruíndo un panorama musical sorprendente, no que o pobo posuía unha variada e potente expresión musical que, en parte, é responsable da música de tradición que chegou ata nós.
Falando a Música
Durante trinta anos de traballo de campo en Galiza puidemos documentar os nomes de máis de 170 instrumentos musicais e partes deles, moitos con denominacións diferentes dependendo da zona; tamén aprendemos os nomes de numerosas prácticas musicais asociadas a eles. En total puidemos recoller máis de 300 palabras, unha cantidade notable de vocabulario musical que se acha en perigo, pois moitos destes nomes están limitados a zonas pequenas ou directamente están esquecidos. Toda esta información áchase dispersa na nosa publicación de 2009 “Os instrumentos Musicais na Tradición Galega” que podedes consultar aquí.
Quixemos reunila e analizala dende o punto de vista da orixe da música e da lingua, pois todos e cada un destes vocábulos cóntannos unha historia, unha historia que nos pode axudar a lembralos e conservalos. Por exemplo, moitos son onomatopeicos e polo tanto a súa orixe pérdese na noite dos tempos, quizais na época da musilingua, pois moitas palabras tiveron a súa orixe no son do obxecto que denominaban, os sons piiii, fffff, zzzzz, tuuuu, buuuu, xxxxx, mmmm ou rrrrr orixinan nomes como pipa, fungo, zoadeira, toba, buguina, ruxideira, birimbám ou carriza… pero hai moitos máis nesta fermosa e antiga categoría. Outros como caramela, ferreña ou palleta indícannos o material con que son feitos; e aínda outros fálannos de procesos históricos como a substitución do árabe adufe polo latino pandeiro, a denominación “gaita do sapo” que nos indica a presenza dunha cultura chamanística en Galiza ou a palabra rosca que denomina unha estraña gaita de fol achada no Baixo Miño, cunha probable ligazón ás gaitas do oriente europeo a través da denominación indoeuropea do corno que todas levan na punta. Estes procesos culturais conducen a que poidamos documentar na nosa lingua palabras que tódalas culturas que nos conformaron nos foron aportando, así temos vocábulos de raíz indoeuropea, latina, árabe, centroeuropea, etc.
A intención desta charla é difundir estas palabras e contribuír ao seu coñecemento e fixación. Durante unha hora, rememoramos nomes de moitos dos nosos instrumentos musicais, das súas partes e das prácticas musicais que os envolven, contamos o que sabemos da súa etimoloxía e o proceso histórico que esta nos relata, facemos soar uns segundos cada instrumento musical e vemos, así, o que podemos aprender de cada unha destas fermosas palabras.
Podedes ver un vídeo desta charla concerto aquí:
Os sons do Antroido
O Antroido é o tempo da transcendencia. Seu elemento máis representativo así nolo fai saber: a máscara significa transcender a nosa natureza humana, adquirir a forma do tótem, permítenos transcender as normas sociais e perder os nosos límites para disolvernos nun grupo maior. O Antroido é o tempo de mudar o noso estado cotián de consciencia por outro ben diferente. Situado na zona do ciclo anual onde o ano morre, significa tamén a morte, o contacto co alén, a transcendencia da vida.
Dende este punto de vista o Antroido pertence, pensamos, a un tipo de cultura antiquísima onde a transcendencia tiña unha alta consideración social: os tempos do chamanismo, do contacto íntimo e comuñón directa e persoal coa natureza e os membros da nosa comunidade a través dos estados alterados de conciencia.
Nesta charla exploramos como os sons ligados aos nosos antroidos tradicionais, a música, os ruídos, os ritmos… axudan a acadar estes estados de perda do ego e de integración profunda nun rito comunitario. Tamén explicamos como as súas raíces se funden nos tempos paleolíticos, cando as crenzas naturalísticas, chamanísticas e matriarcais foron substituídas por relixións teístas e patriarcais, onde a transcendencia deixou de ser practicada, para ser simplemente imitada.
As gaitas de fol na provincia de Pontevedra. Unha nova hipótese sobre a orixe das gaitas de fol.
Pontevedra é a provincia galega que presenta maior número de tipoloxías de gaitas de fol en toda a península Ibérica (cinco en total) e, tendo en conta a súa superficie, a zona europea onde aparecen tamén mais tipos diferentes. Tamén é o lugar onde a proporción de gaitas de fol con máis de 300 anos de antigüidade é maior; por outra banda, a cantidade de iconografías deste instrumento por unidade de superficie duplica ao do resto de calquera outra zona peninsular. Estes datos obxectivos indican que algo particular ten acontecido nesta provincia, dende moi antigo, en relación coas gaitas de fol. Nesta charla postulamos unha hipótese de traballo que permite explicar o conxunto destes achados.
Abordamos a explicación, distribución e características dos cinco tipos de gaitas de fol de que aparecen na provincia: gaitas sinxelas, gaitas con dous bordóns ao ombreiro (de soprete ou barquín), gaitas de ronquillo co seu subtipo pontevedrés, a rosca do Baixo Miño e as gaitas de cana/sabugueiro. Interpretamos pezas con réplicas ou orixinais de cada unha delas, entre elas réplicas dalgunhas das máis antigas que puidemos documentar: gaitas de barquín (s. XVIII), a gaita de ronquillo tumbal de Perfecto Feijoo (s. XIX), a gaita de ronquillo redonda de Manuel Villanueva (datada no s. XVIII), a gaita de Xan de Campañó (datada a finais do século XV) e uns dos punteiros con aneis que se achan entre as ferramentas de Villanueva no Museo de Pontevedra (s. XV).
Unha parte desta charla céntrase especificamente nun subtipo único na península: a gaita de fol de ronquillo da comarca pontevedresa, da que temos demostrado fondas ligaduras cun pasado tardomedieval, como demostran as datacións de instrumentos físicos mediante probas do carbono 14 e un modelo matemático que permite calcular o seu tempo de uso. O Museo de Pontevedra conserva tres destas gaitas de fol e as ferramentas para construílas que conectan a tres importantes persoeiros pontevedreses, moi relacionados coa nosa música de tradición: Casto Sampedro, Perfecto Feijoo e o gaiteiro e construtor Manuel Villanueva de Poio. Os tres viviron entre os séculos XIX e XX e desenvolveron actividades que transcenderon o tempo pola súa importancia para a nosa cultura musical. Casto Sampedro, ademais de ser fundamental na creación do Museo de Pontevedra, reuniu un dos cancioneiros musicais máis importantes da nosa terra; este compilador prestou moita atención a Manuel Villanueva, un dos gaiteiros e construtores de gaitas máis renomeados da súa época, quizais porque Casto Sampedro se decatou de que Manuel era portador dos restos dunha ancestral cultura relativa á gaita. Manuel Villanueva, pola súa parte, foi mestre gaiteiro de Perfecto Feijoo, farmacéutico pontevedrés tamén moi relacionado co Museo de Pontevedra e outro gran compilador de música tradicional, ademais de fundador do senlleiro coro Aires da Terra. Á súa morte, Manuel Villanueva cedeu a Perfecto Feijoo as súas dúas gaitas e as ferramentas que empregaba para construílas. Estas ferramentas, que incluían dous punteiros moi antigos, así como as dúas gaitas de Villanueva e outra gaita tumbal, que Manuel lle construíra a Perfecto Feijoo, acabaron nos fondos do Museo de Pontevedra. Deste xeito, esta colección de melodías, instrumentos musicais e ferramentas converteuse nunha auténtica cápsula do tempo da música de gaita da Pontevedra do século XIX; a análise e estudo destas gaitas, punteiros e ferramentas levounos a diversas e interesantes conclusións sobre a orixe desta tipoloxía de gaita propia de Pontevedra, das súas melodías e xeitos de interpretación que conforman unha tradición que agora podemos demostrar que arrinca, polo menos, dende finais da Idade Media.
A taxa de gaitas de fol con máis de 300 anos de antigüidade e a cantidade de iconografías por quilómetro cadrado amosan na provincia de Pontevedra unhas taxas que case duplican ás de calquera outra provincia ibérica. Por outra banda, a análise dos datos relativos a dous tipos de gaitas de fol propias de nenos, a rosca do Baixo Miño (unha gaita de fol con resoador de corno única no occidente europeo) e as gaitas de cana con fol, que amosan una enorme preponderancia entre os nenos que ían ser gaiteiros nesta provincia, permitíronnos establecer unha curiosa hipótese de traballo: foron os nenos pontevedreses os primeiros que acolaron un fol a un instrumento soprado coa boca dando orixe ás gaitas de fol? Quizais os nen@s teñan máis relevancia da que temos por costume asignarlles…
Podedes ver esta charla na gravación que o Museo de Pontevedra fixo dela o 16 de febreiro de 2024 cando a realizamos por primeira vez. O son orixinal fallou e Senén Bernárdez tivo a amabilidade de corrixilo na medida do posible e de insertar as imaxes. Grazas a Senén polo seu traballo e tamén ao Museo de Pontevedra por axudarnos sempre e permitirnos estudar as súas pezas.