Colaboradores

Nestes trinta anos de rexistros e documentación de gaitas de fol e outros instrumentos musicais antigos moitos amigos nos teñen acompañado e facilitado o labor de buscar, achar e documentar gaitas de fol en cada territorio. Henrique Oliveira, Francisco Pimenta, Tiago Morais, Gustavo Portela, João Raimundo e António Freire son de inestimable axuda para aquelas gaitas do centro e sul de Portugal, igual que Napoleão Ribeiro no norte. Ramiro Fernández, Paulo Preto e Paulo Meirinhos en Trás-os-Montes; José Santiago en Aliste e os nosos queridos Alberto Jambrina e Pablo Madrid en Zamora. Diego Bello tamén nos informa de achados no Bierzo. O profesor de música, músico e artesán Luis Mondelo merece unha mención singular pois xuntos temos feito longas campañas de documentación de frautas e gaitas de fol por todo o noroeste, vivindo momentos inesquecibles e forxando unha amizade que excede os propios límites desta palabra.