Restauramos a gaita de fol que pertence a Eduardo Lorenzo Acuña, e que foi de seu avó, o gaiteiro José Lourenzo Bouzón de Paredes (Vilaboa, Pontevedra).
O roncón é moi probablemente de finais do século XIX, nótase na súa feitura, malia que as femias fenderon e foron reparadas engadíndolles unhas anelas; o posterior lixado eliminou a pátina característica das madeiras antigas. Esta reparación realizouse probablemente no obradoiro de José Poceiro arredor dos anos 1950-60. Foi tamén neste obradoiro onde se fabricou o punteiro que actualmente ten esta gaita e que puxemos a tocar empregando palletas como as que fabricaba o propio Poceiro.
Nesta fotografía de Carlos Camba podedes ver a José Lorenzo e aos seus irmáns Benigno Lorenzo (caixa) e Jesús Lorenzo (bombo). Como podedes ollar, ten nas mans unha gaita que pertence á morfoloxía de dous bordóns sobre o ombreiro, propia da zona sur de Pontevedra e do norte de Portugal.
Podedes escoitar o son da gaita de José Lorenzo premendo aquí.