Esta é a gaita de ronquillo que pertencera a Xan Tilve, gaiteiro de Campañó (Pontevedra), coñecido como “Xan de Campañó”, o derradeiro herdeiro dunha tradición de polo menos 500 anos de antigüidade.
O punteiro da súa gaita foi fabricado cunha madeira que morreu entre 1427 e 1452; o noso modelo de datación dinos que foi tocado durante nada menos que 490 anos, unhas doce xeracións de gaiteiros.
Restauramos a gaita que a súa bisneta, Marilé Salgueiro, nos presta tan amablemente para tocar, poñéndolle un fol novo e unha palletas, voltando así este fantástico instrumento á vida.
Aquí a tedes tocando de novo e pechando un curioso círculo, pois, cando de neno lle preguntei a meu avo, José Luis Arias, quen era o mellor gaiteiro do mundo, díxome que “Xan de Campañó” porque tocaba moi ben e, ademais, tiña unha gaita cun son excepcional.
Con esta gaita restaurada grabamos un par de pezas que podedes escoitar aquí. Vaian na memoria dos dous, ambos gaiteiros.
Podedes ver tamén as réplicas deste instrumento nesta mesma páxina, premendo aquí.