Este Nadal realizamos na CENTRAD en Lugo unha exposición dedicada ás gaitas de fol na península Ibérica e Baleares.
Esta exposición presenta as catorce tipoloxías de gaitas de fol do noroeste peninsular (Asturiana, Eo-naviega, Leonesa, Chairega, da Galiza central, gaita de catro voces, gaita de ronquillo e gaita de barquín, as gaitas de Entre Douro e Minho, as da região centro de Portugal e as da Estremadura, así como as trasmontanas, sanabresas e alistanas); a gaita de boto aragonesa e a xeremie mallorquina tamén teñen o seu espazo. De cada unha destas tipoloxías montamos un expositor cun cartel onde describimos as súas características e amosamos unha ou varias gaitas orixinais ou réplicas. Tamén se amosan as súas palletas propias e, en moitos casos, reproducións ou orixinais dos tambores que as acompañaban. Hai expositores adicados aos instrumentos da idade antiga que deron orixe ás gaitas de fol, tamén un espazo adicado á aprendizaxe dos nenos e os seus instrumentos e outro á construción das gaitas de fol, así como outro no que amosamos a xénese e os diferentes tipos de palletas e pallóns do noroeste. En dous expositores contamos a xénese da gaita moderna galega, desenvolvida por Basilio Carril nos anos 1970 coas palletas de Olimpio Carril. Aí podedes ver as primeiras gaitas galegas en tons estraños como o La grave ou o Fa agudo. Quixemos adicar un grande espazo ás gaitas da Ulla e ao obradoiro de Riobó, de onde, nos anos 20, saíu o primeiro punteiro afinable galego que podedes tamén ver. Por último, quixemos dedicar un grande espazo aos instrumentos femininos, pois foron as mulleres o soporte fundamental da nosa música de tradición mais cotián.
Para os que non puidestes visitala, gravamos un vídeo cunha visita guiada a esta exposición guiada polas preguntas do noso amigo Rubén Rodríguez, biólogo coma nós, que nos fai interesantes preguntas e observacións. Podedes velo premendo aquí.
Inauguramos a exposición co concerto “Música e Evolución” e pechámola coa charla-concerto sobre a influencia da paisaxe sobre as gaitas de fol “Música e Paisaxe“.