Entre o 11 e o 19 de maio de 2022 realizarei no meu obradoiro o quinto curso para aprender a facer gaitas de fol. As prazas están limitadas a catro.
Este curso de 50 horas consiste na aprendizaxe de tódalas técnicas necesarias para a construción dunha gaita de fol, dende o taqueado da madeira ata a confección do vestido e montaxe e afinación da gaita. Ao mesmo tempo que se explican tódolos procesos, cada participante realiza cada un deles e participa na fabricación da súa propia gaita. Tamén hai a opción de matricularse sen obter unha gaita ao fin do curso.
Este curso inclúe:
-Como cortar e taquear o buxo. Manexo da serra de fita.
-Aprendizaxe e manexo do torno.
-Como levantar correctamente os planos dunha gaita.
-Aprendizaxe dun xeito fácil de fabricación e calibración das coitelas cónicas para o interior dos punteiros a partir dun plano.
-Manexo e uso dos diferentes tipos de brocas para furados cilíndricos e cónicos.
-Afiado e preparación de coitelas para o torno, da ferramenta de torneado manual e de navallas para facer palletas.
-Traballo das madeiras, cilindrado e furado interior de pezas cilíndricas e cónicas
-Aprendizaxe e manexo das ferramentas de torneado exterior manual.
-Técnicas de acabado das madeiras (tinguido e diferentes acabados)
-Fabricación de palletas antigas e modernas así como preparación de pallóns.
-Acabado dos punteiros: torneado, taladro dos furados e técnicas para afinalos.
-Deseño de patróns, manexo e uso da máquina de coser e costura dos vestidos.
-Atado dos foles e montaxe da gaita.
Duración: sete días hábiles en horario de 8 a 14:30. Non se traballa a fin de semana.
Aquí os dejo los comentarios de los cuatro participantes en el primer curso:
Óscar Barreiro: Grande curso, grande mestre e grandes compañeiros para unha experiencia inesquecíbel. Grazas Pablo por ter compartido connosco tanto saber.
Roberto Pérez “Reberete”: Todo parece aliñarse dentro de min, cando quen che ensina novos xeitos do teu oficio, ao que amas, ó mesmo tempo che transmite isto: “Eu non sei nada que ninguén non me ensinara, o coñecemento é compartido, pertence ás persoas; o que é valioso é a habilidade, a imaxinación, as mans, a creatividade, iso é o que realmente ten valor nun artesán”.
Alexandre Cadarso “Cano”: Neste curso, tiven a ocasión de cumprir un desexo: “participar no proceso de construír unha gaita de fol”. Un curso moi ben estruturado, onde o profesor Pablo Carpintero ademáis de dar nocións técnicas (torneado, manexo e afiado de ferramentas, aprender a facer palletas …) soubo crear un ambiente agradábel e de traballo, aportando todo o seu saber e experiencia. Quedei moi satisfeito e recomendo que participedes en cursos futuros. Parabéns Pablo!
Eloi Dávila: De todos é sabido os coñecementos que atesoura Pablo Carpintero pero a mestría estivo en como nos mergullou no seu mundo da tradición, da precisión científica, da sutileza no detalle e do seu bo saber facer. Curso 100% recomendable.
Se queredes máis información sonre prezos e condicións podédesme escribir a pablo.carpin@gmail.com ou chamarme ao 626588381.
Lugar: obradoiro-museo Pablo Carpintero, Santiago de Compostela.