OS GAITEIROS DE SESIMBRA
Bon, pois aquí vai un traballo máis deses que se fai entre moitos, patrocinado pola Associação da gaita de foles.
Un libro ben bonito sobre os Gaiterios de Sesimbra. Nel poderedes descubrir que por estes lares tan meridionais existía unha grande tradición gaiteira, con algúns homes a tocar en pechado, familias con catro xeracións de gaiteiros ou punteiros do século XVII (a Associação da gaita de foles datou un deles contribuíndo así a corroborar o noso modelo).
Aquí vos deixo o son dunha das réplicas que fixen da ponteira do Etelvino Ferraria, un dos gaiteiros estudados para este traballo. Aquí podedes ver e encomendar este punteiro.
Neste libro colaboramos co estudo dalgunhas destas gaitas e poderedes achar a descrición dos instrumentos da familia do gaiteiro Mario Quaresma Carramão, con tres devanceiros gaiteiros documentados. Este é o único exemplo en Portugal, ata a data, dun gaiteiro tocando en pechado. Quizais nos indique que na Estremadura algúns o facían así, ou quizais nos estea a falar da enorme relación de ida e volta entre Lisboa e Pontevedra.
Entre as gaitas de Mario Quaresma temos unha do António da Silva que podesdes ver aquí, e escoitar neste vídeo. António da Silva era un artesán lisboeta do século XIX, do que tamén Cástor e Félix Castro Vicente teñen unha fermosísima gaita, que chegou a eles dende unha gaveta do gaiteiro e artesán Modesto Sánchez (compañeiro de Faustino Santalices), e a min dende eles, vai xa para doce anos. Fixemos unha réplica desta gaita que vos deixo aquí sonando.
Podedes encomendar o libro sobre os Gaiteiros da Estremadura neste enderezo: contacto@gaitadefoles.net