Con motivo da celebración dunha homenaxe a Juan Barrio Rodríguez, gaiteiro e construtor de Pedralba de la Pradería (Sanabria, Zamora) en agosto de 2024, quixemos intentar achegarnos, cos datos e ferramentas de datación das que agora dispomos, á historia dunha das gaitas máis significativas da tradición sanabresa, aquela que tocou Juan Prieto Chimeno, gaiteiro de Rionor/Rio de Onor, unha gaita de fol que pensabamos fabricada por Juan Barrio. Vexamos o que puidemos saber.
SOBRE A GAITA DE FOL DE JUAN PRIETO CHIMENO
Esta gaita de fol, que amosamos na figura 1, pertenceu a Juan Prieto Chimeno (1929-198?), un excelente gaiteiro natural de Rionor de Castilla ou Rio de Onor de Bragança, unha aldea dividida entre os dous países. Pese a que Juan Prieto era da parte española desta aldea, casou na portuguesa e, según contan os veciños que entrevistamos, era alí onde máis tocaba este gaiteiro. A súa gaita é un fermoso exemplo de gaita de fol probablemente sanabresa a xulgar pola súa escala moi próxima ao modo de La. Este instrumento foi mercado por Ernesto Veiga de Oliveira a Juan Prieto Chimeno nunha data indeterminada, pero moi seguramente arredor dos anos 1961-63 cando Juan Prieto foi gravado por este etnólogo.
[Referencia: Alberto Jambrina. Juan Barrio el gaitero y artesano que creó escuela. En: https://www.academia.edu/122721584/Juan_Barrio_el_gaitero_y_artesano_que_creó_escuela_Alberto_Jambrina_Leal_Pedralba_de_la_Pradería_12_08_24].
Ernesto Veiga de Oliveira depositou esta gaita de fol nos fondos do Museu Nacional de Etnologia de Lisboa co número de inventario BB041 onde puidemos analizala no verán do ano 2014 para despois facer a súa réplica e aprender seu repertorio e xeito de tocar. Así pois, esta gaita leva sen seren empregada uns 65 anos.
Figura 1: gaita de fol de Juan Prieto Chimeno e detalle do seu punteiro.
Consta esta gaita de roncón, soprete e punteiro, todos moi probablemente fabricados en madeira de urz a xulgar pola presenza no roncón e na campá do punteiro dalgúns nós característicos desta madeira. O roncón e o soprete teñen unha grosa capa de verniz que o fuste do punteiro non amosa, quizais pola erosión do mesmo. O soprete e o roncón teñen un torneado cun acabado entre bon e regular que poderiamos dar como característico de Juan Barrio Rodríguez (1884-1967), famoso gaiteiro e construtor que vivíu en Pedralba de la Pradería en Sanabria. Facemos esta asignación porque os coñecidos como Gaiteros de Pedrazales (Sanabria), Tarsicio e Modesto Espada (Tarsicio tamén construtor de gaitas), posúen varias gaitas cuns torneados semellantes nos roncóns e nos sopretes que din foron fabricadas por Juan Barrio, por máis que non puidemos comprobar este extremo. A este respecto, Alberto Jambrina infórmanos de que Ceferino Espada “Alvarico”, ascendente destes gaiteiros, aseguraba que nos anos 1940 ou 1950 lle mercara unha destas gaitas a Juan Barrio [Alberto Jambrina, Op. cit]. Por outra banda, nunha fotografía que se conserva de Juan Barrio coa gaita ao lombo [fig. 2], publicada por García Matos na Magna Antología del Folklore Español, polo tanto, unha fotografía anterior a 1960 malia que non saibamos canto, podemos apreciar moi ben un soprete de idéntico torneado ao desta gaita e a prima do roncón tamén moi semellante; na nosa opinión, poderiamos dicir que se trata exactamente das mesmas pezas e do mesmo instrumento, mais isto é indemostrable.
Figura 2: Juan Barrio antes de 1960.
Así pois, a asignación do roncón e o soprete da gaita de Juan Prieto a Juan Barrio podería ser plausible polas súas formas e coincide, ademais, con informacións previas, tamén sen contrastar, que din que Juan Prieto mercou esta gaita arredor dos anos 1940 ou 1950 a Juan Barrio. Non entanto, o caso é que o punteiro da gaita de Juan Prieto Chimeno, que forma sen dúbida unha unidade co resto da gaita, tanto pola madeira e a súa pátina, como polo seu estilo xeral, en pouco ou nada se asemella aos punteiros das gaitas que os gaiteiros de Pedrazales asignan a Juan Barrio: o torneado da súa mesa, do fuste e da campá son completamente diferentes como se pode ver na figura 3 onde amosamos unhas das gaitas que os gaiteiros de Pedrazales din ter sido fabricadas por Juan Barrio ou copiadas a partir dela.
Figura 3: gaitas de fol que os gaiteiros de Pedrazales asignan a Juan Barrio.
O deseño do torneado da mesa do punteiro de Juan Prieto Chimeno, peza na que sempre podemos identificar a man dun construtor particular, non se asemella ao dos punteiros conservados polos gaiteiros de Pedrazales, posúe un remate cunha moi característica aneliña na súa base. Ademais, esta mesa ten unha grosa anela de latón, e ambas están cruzadas por un deseño inciso [fig. 1] que tampouco achamos nin nos punteiros de Pedrazales, nin en ningún outro punteiro sanabrés que teñamos visto. Este deseño labrado na mesa consiste en liñas cruzadas, absolutamente características dos traballos incisos que aparecen en moitas gaitas trasmontanas [fig. 4].
Figura 4: típicos deseños incisos cruzados trasmontanos na campá dun punteiro do Museu da Terra de Miranda.
Por outra banda, o punteiro da gaita de Juan Prieto posúe unha enorme campá desmontable, de madeira de urz e coa mesma pátina e continuidade no torneado, por canto foi construída, con total probabilidade, ao mesmo tempo que o fuste. Esta campá está xunguida ao fuste por unha grande e traballada anela de metal [ver a fig. 1]. Non se trata de ningún xeito da campá dun clarinete xunguida a un punteiro como temos escoitado algunha vez. Esta campá desmontable é una estrutura única entre todos os punteiros do noroeste que puidemos analizar ata a data, e non aparece tampouco nos punteiros de Pedrazales. Noutra fotografía que temos de Juan Barrio na praza de touros de Zamora en 1927 [fig. 5], pódese apreciar un punteiro cunha campá moi semellante, un dato a ter en conta. Podería tratarse, como logo veremos, da mesma gaita que Juan Barrio sostén na fotografía anterior, seguramente bastante posterior no tempo a esta. Hoxe mesmo, despois de publicarmos este artigo Alberto Jambrina infórmanos de que este gaiteiro non é Juan Barrio.
Figura 5: fotografía de un gaiteiro descoñecido na praza de touros de Zamora en 1927. Información e fotografía de Alberto Jambrina.
Por último, a comparación entre as conicidades interiores dun dos punteiros de Pedrazales co deste punteiro, amosa moi claramente que de ningunha forma foron fabricados coa mesma ferramenta, tendo cotas interiores que nalgunhas zonas están desprazadas entre vinte e trinta milímetros, o que significa disparidades no diámetro interno á mesma altura de máis dun milímetro [fig. 6 e táboa correspondente]. Ignoramos se este punteiro é un dos orixinais que se asigna a Juan Barrio ou unha copia do mesmo realizada por Tarsicio, o que podería explicar en parte as disimilitudes dos interiores, malia que as diferenzas son tan grandes que dificilmente unha copia realizada cun mínimo de interese as produciría.
Figura 6: táboa coa comparación entre as medidas do cono interno dos punteiros das gaitas de Juan Prieto Chimeno e dos gaiteiros de Pedrazales. Abaixo os debuxos dos conos realizados por Luis Miguel Morillas.
Temos tamén unha fotografía de Tirso Espada na que seguramente se pode ver a gaita de fol orixinal que Ceferino Espada dicía ter mercado a Juan Barrio [fig. 7], aínda que non puidemos comprobar este extremo. Nela podemos ver unha gaita de fol de aspecto relativamente antigo e cun torneado no roncón e no punteiro absolutamente semellantes aos das gaitas amosadas na figura 3, pero totalmente diverso do da gaita de Juan Prieto.
Figura 7: posible orixinal da gaita que Ceferino Espada dixo ter mercado a Juan Barrio. Fotografía de Tirso Espada.
Así pois, achámonos aquí cun máis que significativo caos que non nos permite saber con claridade a procedencia da gaita de Juan Prieto Chimeno. Posto que os diferentes artesáns manteñen sempre unha perfecta uniformidade no seu estilo de torneado e sendo o costume xeral da maior parte dos artesáns antigos que temos documentado ata a data ter unha soa ferramenta para fabricar todos os seus modelos de punteiros, ou polo menos, de manter a mesma conicidade nas súas coitelas de labrar os interiores, é moi probable que se os punteiros de Pedrazales son efectivamente fabricados por Juan Barrio, este punteiro de Juan Prieto Chimeno sexa doutro artesán, ou ao revés. O caso é que semella que algunha destas dúas gaitas, a de Pedrazales ou a de Juan Prieto, tería saído doutra man. O único dato seguro que temos, fora das informacións orais, son as fotografías de Juan Barrio xa mencionadas, onde podemos ver a este gaiteiro sostendo unha gaita cun punteiro de grande campá (1927) e outra, anterior a 1960, onde o ollamos cun instrumento fornecido cun soprete e unha prima do roncón idénticas á da gaita de Juan Prieto.
Para engadir máis incerteza ao asunto, achamos na rede fotografías doutra gaita de fol, achada polo artesán Jorge Lira e asignada por el a Juan Barrio [fig. 8], onde se olla a fotografía dunha copa cun torneado que recorda algo ao da copa da gaita de Juan Prieto. Este artesán asigna tamén o punteiro achado, cunha grosa anela de marfil, a Juan Barrio, por máis que é absolutamente diferente tanto aos de Pedrazales, como ao da gaita de Juan Prieto Chimeno. Ignoramos polo momento o motivo desta asignación, quizais sexa a lixeira semellanza entre esta copa e a da gaita de Juan Prieto, que xa comentamos é considerada ata a data como fabricada por Juan Barrio. No entanto, se comparamos a copa da figura 8 coa da gaita de Julio Prada da figura 9, veremos que son absolutamente idénticas, diferenciándose únicamente nuns poucos riscos sobre a madeira. Ambas copas saíron, polo tanto e con absoluta seguridade, da man do mesmo artesán, e Julio Prada nunca dixo que a súa gaita de fol fose fabricada por Juan Barrio, por canto se a asignación de Jorge Lira se basea nesta semellanza está equivocada. Luis Fernando López tamén nos fixo notar a grande semellanza entre este punteiro e os fabricados polo artesán lucense Ángel Basadre (1932-2017), que producía gaitas en Bertamil (Guntín, Lugo). Amosamos dous dos seus punteiros na figura 9bis onde se fai patente a similitude nas liñas de torneado entre estes tres punteiros tanto na mesa como no remate da campá.
Figura 8: pezas dunha gaita asignada polo artesán Jorge Lira a Juan Barrio.
Figura 9: pezas do roncón da gaita de Julio Prada, obsérvese a enorme similitude desta copa coa da fotografía da figura 8.
Figura 9bis: dous punteiros de Ángel Basadre, na cima o de Felisindo de Baronzás (Xinzo de Lima, Ourense) cun remate en marfil moi semellante ao do punteiro en cuestión, e abaixo outro da colección de Ricardo Caxide. Obsérvese a identidade destes tres punteiros na tan característica liña de torneado da mesa que se funde co fuste sen solución de continuidade.
Por último, debemos comentar que replicamos as gaitas completas Juan Prieto Chimeno e a dos gaiteiros de Pedrazales. Puidemos observar que o punteiro de Juan Prieto funciona unicamente cunha réplica da palleta achada no Museu de Etnologia, unha das palletas máis grandes que temos documentado, feita de cana sen cristal e sen xugo [fig. 10]. O punteiro de Pedrazales, funciona con palletas tamén bastante grandes, igualmente da parte branda da cana e pero cunha estrutura totalmente diferente e por veces con xugo [fig. 11], palletas que os seus donos seguen fabricando. O que podemos afirmar sen lugar a dúbidas é que o punteiro de Juan Prieto Chimeno ten unha sonoridade e timbre totalmente diferente ao do punteiro de Pedrazales, sendo, para o noso gusto, musicalmente moi superior.
Figura 10: palleta da gaita de Juan Prieto Chimeno. Museu Nacional de Etnologia de Lisboa. Anchura da pala 19 mm.
Figura 11: palletas fabricadas por Tarsicio Espada. Anchura da pala 12/13 mm.
As escalas musicais destes dous punteiros, obtidas con réplicas da palleta antiga no caso do punteiro de Juan Prieto Chimeno e con palletas orixinais fabricadas por Tarsicio Espada no caso do punteiro de Pedrazales, amosan tamén disimilitudes máis que notorias que podemos ver na táboa da figura 12: o punteiro de Juan Prieto Chimeno ten unha típica escala Sanabresa, un modo de La coa tónica en Sib xusto, mais con certas desviacións respecto ao que sería un modo de La con graos temperados: a subtónica está a 160 cents da tónica, o segundo grao está 30 cents rebaixado, o terceiro grao, xustamente a 300 cents da tónica forma un terceiro grao menor perfecto; o cuarto grao áchase a 200 cents do terceiro e do quinto (Fa); o sexto grao áchase a 120 cents do quinto, formando polo tanto unha sexta menor tan característica do modo de La, pero 20 cents alta; o sétimo grao está 200 cents do sexto e forma así unha subtónica a 180 cents da tónica superior, exactamente no lugar onde mellor coincidirían os seus harmónicos co bordón.
O punteiro de Pedrazales, pola contra, afástase moito dun modo de La, e forma o que vimos denominando “modo portugués“, ou sexa, un modo de Re cromatizado no que achamos unha sensible superior, un modo presente en moitísimas gaitas de fol portuguesas antigas. No caso deste punteiro en concreto, achamos tamén unha sensible inferior en lugar da subtónica característica deste modo portugués, quizais por influencia da escala temperada como xa temos explicado. Alberto Jambrina indica que Ceferino Espada modificou a afinación do punteiro orixinal de Juan Barrio para adaptala á que el procuraba [Alberto Jambrina, Op. cit.]. Temos entón unha sensible algo grave, a 120 cents da tónica que achamos en Sib+10 cents, unha sensible moi preto dun lugar onde afinaría con bastante perfección co bordón (125 cents); o segundo grao esta a 200 cents da tónica e o terceiro a 310 cents, tan só 10 cents por riba dunha terceira menor temperada; o cuarto grao achámolo a unha distancia de 210 cents do terceiro e a 180 do quinto (Fa + 10 cents), o sexto está a 190 cents da quinta, moi lonxe polo tanto do modo de La; por último, o sétimo grao atopámolo a 200 cents do sexto e a 110 cents da tónica superior, formando practicamente unha sensible temperada.
Figura 12: táboa coa comparación das escalas musicais dos punteiros da gaita de Juan Prieto Chimeno e do gaiteiros de Pedrazales. Intervalos en cents.
Así pois, o que podemos concluír é que, fóra das modificacións que puideran terlles acontecido a estes punteiros co paso do tempo, no estado que os achamos na actualidade e polas varias circunstancias que vimos de analizar, evidentemente non teñen nada que ver en absoluto. Así, ou Juan Barrio mudou o sistema de construción e torneado das súas pezas, ou a orixe destes instrumentos e totalmente diversa, ou sexa, saíron de construtores diferentes.
Vexamos o que podemos saber sobre o punteiro de Juan Prieto Chimeno a través da súa datación polo método dos desgastes que desenvolvemos na tese doutoral que estamos a rematar nos Departamentos de Historia e Matemática Aplicada da Universidade de Vigo.
Como xa dixemos, este punteiro está construído en madeira de urz, posto que esta madeira ten a mesma resistencia ao desgaste que o buxo, o modelo de datación é aplicable directamente.
Da observación da pátina que amosa este punteiro podemos dicir que a nosa experiencia indícanos que se trataría dun gaita de polo menos finais do século XIX, pois nunca ollamos unha gaita construída no século XX que amose tal profundidade e suavidade da pátina.
Unha observación atenda dos furados dixitais indica que este punteiro sufriu desgastes intencionais, pois no primeiro furado, correspondente ao polgar superior, aprécianse claramente as marcas dunha ferramenta cortante e as correspondentes arestas de contacto. No resto de furados apreciamos tamén as arestas de contacto, se ben a erosión dixital xa as dulcificou e borrou calquera marca de ferramenta cortante.
Debemos destacar que o punteiro amosa unha erosión no furado da subtónica (furado nº 9, posterior, non dixital) de nada menos que 0.44 mm, e tamén lembraremos que os desgastes intencionais nunca se practican neste furado. Tal erosión nesta orella non semella ser debida ao pulido que os artesáns realizan das arestas dos furados recén feitos, que segundo as análises que temos feito no noso traballo de doutoramento rolda en xeral os 0.25 mm, por canto este desgaste podería deberse moi facilmente ao apalpo xeral do punteiro, que debeu ser bastante prolongado no tempo para acadarmos estes 0.44 mm de profundidade neste furado non dixital. Isto apuntala a observación da profundidade da pátina e a colocación ou datación subxectiva deste punteiro a mediados ou finais do século XIX.
Nos seus furados dixitais o punteiro de Juan Prieto amosa as seguintes profundidades de desgaste, que podemos ver na táboa e gráfica correspondente na figura 13 (D1F significa desgaste no 1º furado, D2F desgaste no 2º furado, etc., sendo numerados os furados dende a mesa do punteiro ata o fondo):
D1F 1.21 mm
D2F 1.33 mm
D3F 1.09 mm
D4F 1.34 mm
D5F 1.39 mm
D6F 1.36 mm
D7F 0.9 mm
D8F 0.76 mm
Figura 13: táboa cos desgastes dos furados do punteiro de Juan Prieto Chimeno e gráfica de desgastes dixitais.
O desgaste que este punteiro amosa no lugar de apoio do polgar inferior é apreciable pero dificilmente mensurable pola súa oposición aos furados. O método da plaquiña indícanos aproximadamente uns 0.3 mm de profundidade, o que implica que non tivo un gran tempo de uso. Amosa tamén un claro desgaste no lugar de apoio do maimiño superior, e dicimos curioso porque nas fotografías e vídeos que conservamos de Juan Prieto non observamos este apoio, por canto foi herdado, tocado polo menos por dous gaiteiros. Nas fotografías de Juan Barrio, nas que só sostén a gaita, tampouco observamos este apoio, por máis que na fotografía da figura 5 a man superior áchase perfectamente colocada sobre el na mesma posición que cando se toca. Se Juan Barrio empregase este apoio, o maimiño debería entón verse moi probablemente apoiado sobre o punteiro.
O punteiro da gaita de fol de Juan Prieto Chimeno presenta unha notable característica: ao medirmos o ovalado do seu fuste nos espazos entre furados, apreciamos un diámetro menor en toda a parte frontal, é dicir, sobre a liña que contén os furados. Este ovalado ten as seguintes dimensións calculadas como o diámetro maior do óvalo, menos diámetro menor:
Entre os furados 2º e 3º, 0.5 mm
Entre os furados 3º e 4º, 0.7 mm
Entre os furados 4º e 5º, 0.6 mm
Entre os furados 5º e 6º, 0.6 mm
Entre os furados 6º e 7º, 0.1 mm
Entre os furados 7º e 8º, 0 mm
Entre os furados 8º e nº 9 (orella da subtónica), 0 mm
Este patrón de ovalado non pode corresponder coa típica deformación que nalgúns casos sufre a madeira dos punteiros despois de ser furada e torneada, posto que esta deformación medra sempre dende a cima ao fondo do fuste do punteiro. Como xa explicamos, isto acontece así porque esta deformación, é dicir, o ovalado do fuste, depende directamente da relación entre o grosor da parede do fuste e a amplitude do furado interno; así, na parte superior do fuste, as paredes son máis grosas en relación ao furado interior, sendo esta parte moi pouco sensible ao ovalado, mentres que na parte inferior do fuste esta relación é menor, xa que as paredes son moito máis finas en relación ao furado interior, producíndose nestas zonas uns ovalados moito máis grandes. Deste xeito, o patrón normal de ovalado progresa de menor a maior segundo baixamos pola zona que contén os furados, acadando o seu máximo xusto arredor do furado nº 9, o que entoa a subtónica, onde normalmente a parede do fuste comeza a engrosarse para formar a campá, sendo entón, de novo, menos sensible ás tensións que causan o ovalado. No punteiro de Juan Prieto Chimeno observamos exactamente o contrario a este proceso: temos un gran ovalado nos furados superiores, onde nunca se acha, que medra na parte media ata acadar nada menos que 0.7 (os ovalados nesta zona roldan normalmente os 0.2-0.3 mm); nos furados inferiores o ovalado do fuste é practicamente nulo. Sabendo que moitos gaiteiros sanabreses e trasmontanos realizaban unha técnica de ornamentación consistente en percorrer ou refregar o frontal do punteiro cos dedos da man inferior para producir unha especie de característico trémolo, este patrón de ovalado queda perfectamente explicado: correspondería co desgaste producido ao refregar o frontal do punteiro ao pasar os dedos polos furados. Posto que este refregamento nunca afecta aos dous furados inferiores, esa é a causa de que non achemos desgaste entre o 6º, 7º e 8º furados. Este punteiro debeu ser entón refregado con moita intensidade e frecuencia. Tamén sabemos por unha gravación en vídeo que Juan Prieto Chimeno que este home empregaba este tipo de ornamento. Por outra parte, temos achado este mesmo patrón de desgaste nalgúns punteiros trasmontanos antigos da zona máis próxima a Aliste e Sanabria, así como informacións orais sobre esta técnica nesta zona máis oriental de Trás-os-Montes.
Observamos perfectamente a influencia da erosión deste refregado frontal na gráfica de desgaste do punteiro que amosa, por iso, un perfil en S con ambos picos á mesma altura. Da forma desta gráfica podemos deducir que este punteiro foi tocado sempre con dixitación aberta. Pódese comparar coa prototípica gráfica de desgaste produto dun longo tempo de dixitación aberta que amosa o punteiro de Julio Prada (desgaste medio de 1.1 mm)[fig. 14], tocado con toda seguridade por máis dun gaiteiro a xulgar tanto pola súa datación por desgaste, como pola erosión que achamos no lugar de apoio do maimiño superior, unha técnica que Julio Prada non usaba.
Figura 14: táboa cos desgastes dos furados do punteiro de Julio Prada e gráfica de desgastes dixitais.
Así pois, unha parte do desgaste deste punteiro corresponde a unha erosión intencional e outra a un desgaste por refregado frontal. Se tivésemos en conta os 1.34 mm de desgaste que amosa o 4º furado, o noso modelo indicaría un tempo de uso mínimo de nada menos que 272 anos, totalmente incongruente co pouco desgaste que achamos no polgar inferior.
Vexamos se podemos corrixir o D4F. Aos 0.3 mm de erosión que achamos no lugar de apoio do polgar corresponderían, segundo a súa correlación estatística, uns 0.74 mm de D4F. Curiosamente, obtemos unha cantidade de erosión estimada para o 4º furado moi semellante se aos 1.34 mm de erosión medidos no 4º furado sobre o punteiro lles restamos os 0.6/0.7 mm de desgaste causados polo refregamento frontal do punteiro (1.34-0.65 = 0.69). Isto non semella unha casualidade, pero temos que explicar por que estas dúas estimacións coinciden pese a ter sufrido o 4º furado desgastes intencionais.
A erosión intencional que recibiu este punteiro con toda seguridade afectou ao D4F en sentido de incrementar a profundidade do desgaste observado, mais debemos lembrar que tamén dixemos que se aprecia un desgate no lugar de apoio do maimiño superior, apoio que conduce sempre a un infradesgaste do 4º furado. Así pois, que coincidan as dúas estimacións que facemos do D4F (0.74 mm a partir da erosión do polgar e 0.69 restando o efecto do refregado frontal) pode ser explicado se o exceso de desgaste pola erosión intencional foi compensado polo detrimento nela causado polo apoio do maimiño. Deste xeito, cremos que podemos empregar sen problemas a estimación dunha media destas dúas cantidades (0.69 e 0.74 mm) ou sexa, 0.72 mm de D4F, para calcularmos un tempo de uso mínimo para este punteiro, que se empregamos o noso algoritmo se sitúa en 73 anos. Lembremos aquí que o algoritmo de datación tende a infraestimar os anos de uso.
Posto que este punteiro foi incorporado aos fondos do actual Museu Nacional de Etnologia de Lisboa por Ernesto Veiga de Oliveira arredor dos anos 1960, ten un período de descanso de 65 anos, ou sexa, debeu ser construído arredor de 73 + 65= 138 anos atrás, ou sexa, antes de 1886. Posto que Juan Barrio naceu en 1884, ambas datas son claramente incongruentes. Polas informacións que temos [Alberto Jambrina, Op. cit.], este home tivo o seu primeiro contacto coa gaita de fol cando tiña uns 14 anos, arredor logo de 1898. Polo que sabemos doutros artesáns tradicionais, non se desenvolve correctamente o oficio antes duns 12 anos, por canto é imposible que Juan Barrio puidese fabricar un punteiro de semellante complexidade (lembremos a campá e o complexo traballo de metal que presenta na mesa e na anela que xungue a campá co fuste) antes de aproximadamente uns 26 anos do seu nacemento, ou sexa en 1910, unha data 24 anos posterior á datación mínima polos desgastes deste punteiro (anterior a 1886).
Achamos entón un motivo para unha dúbida moi razoable sobre a autoría desta gaita de fol por Juan Barrio, que apunta a que as informacións de Ceferino, Modesto e Tarsicio son verdadeiras: os seus punteiros veñen deste artesán, entón este punteiro e gaita de Juan Prieto Chimeno, tan diferente dos conservados polos gaiteiros de Pedrazales, non tería saído da súa man. Como podemos explicar isto, se Juan Prieto dixo ter mercado esta gaita a Juan Barrio e este instrumento semella aparecer nas súas mans nas fotografías que conservamos? A única hipótese que se nos ocorre baséase nunha moi frecuente observación entre os gaiteiros-construtores: obviamente Juan Barrio debeu comezar a tocar, como tantos outros gaiteiros-construtores (lembremos o caso de Manuel Villanueva) cunha gaita que non era da súa fabricación, unha primeira gaita que os gaiteiros-construtores abandonan ao conseguir construír unha propia e empezar a súa produción, pois vender gaitas e tocar cunha que non é de un sería incongruente. Deste xeito, podemos hipotetizar que, segundo as informacións xa explicadas, Juan Barrio tería tocado con esta gaita ata os anos 1940 ou principios dos 1950 aproximadamente, isto podería explicar a grande similitude desta gaita coa que aparece nas súas mans na fotografía que del se conserva. Ou sexa, tocou con ela uns 40 anos se comezou a tocar arredor de 1898. No momento en que comezou a tocar cos seus instrumentos, tería vendido esta súa primeira gaita a Juan Prieto Chimeno [Alberto Jambrina, Op. cit.]. Esta data coincide tamén coa indicada por Ceferino Espada para a adquisición da súa gaita a Juan Barrio [Alberto Jambrina, Op. cit.], semella entón que nestes anos Juan Barrio xa comezara a producir gaitas que eran boas para el e tamén para vender, de aí que vendera a súa primeira gaita, pois, repetimos, é incongruente e obviamente unha mala publicidade para o negocio que un artesán venda as gaitas fabricadas por el como boas, pero toque coa doutro artesán.
Juan Prieto Chimeno empregaría a gaita que lle vendeu Juan Barrio aínda uns 15-20 anos ata terlla vendido, aproximadamente nos anos 1965, a Ernesto Veiga de Oliveira. Así pois, xuntamos uns 55-60 anos de uso deste punteiro por parte de Juan Prieto e Juan Barrio. Ata os 73 anos de uso mínimo que nos dá o modelo de datación, quedarían uns 15-20 anos de uso por outro gaiteiro descoñecido de finais do século XIX, quizais o que apoiaba o maimiño superior ao tocar. Isto coincide tamén coa datación subxectiva segundo a profundidade e cor da pátina, e tamén co grande desgaste por apalpo que amosa o furado da subtónica.
Esta hipótese explicaría tamén porqué os torneados dos roncóns e sopretes das gaitas de Pedrazales feitas por Juan Barrio se asemellan aos da gaita de Juan Prieto: por que é moi común que os construtores imiten os torneados das gaitas coas que aprenderon a tocar, de aí a estabilidade nas formas dos torneados nas diferentes zonas do noroeste, unha estabilidade que se aprecia sobre todo nas pezas dos roncóns. Despois de ter vendido a súa primeira gaita, Juan Barrio tería tido aínda uns 27 anos de vida (ata 1967) para seguir a construír, tocar e vender as súas propias gaitas.
Unha vez publicado este artigo, recibimos unha nova comunicación persoal por parte de Alberto Jambrina. Á parte de explicarnos que Juan Barrio non é o gaiteiro que aparece en 1927 sostendo unha gaita de grande campá na praza de touros de Zamora [fig. 7] indícanos que ten informacións orais, que considera certas, de que Juan Barrio lle vendeu a Manuel Fernández “Patolas”, de San Martín del Terroso, unha gaita, tamén de grande campá, que podemos ver nesta fotografía que nos aporta Alberto [fig. 15].
Figura 15: fotografía cedida por Alberto Jambrina, do arquivo do Consorcio de Fomento Musical de Zamora, onde se ve a Manuel Fernández “Patolas” cunha gaita feita, segundo as súas informacións, por Juan Barrio.
No encontro celebrado en Pedralba de la Pradería coma homenaxe a Juan Barrio en agosto de 2024 puidemos obter aínda máis información. Por exemplo, vimos un punteiro que pertenceu o propio Juan Barrio [fig. 16] conservado pola súa neta. Ten unha camisa de metal (probablemente latón) primorosamente cinguida a todo o fuste, o que demostra que este artesán traballaba moi ben o metal; ademais, e é evidente que lle falta unha campá postiza. Malia que non puidemos medir as súas dimensións, como vemos na fotografía que sacamos con Alberto Jambrina, a súa lonxitude e colocación dos furados é practicamente idéntica á da gaita de Juan Prieto.
Figura 16: punteiro conservado pola neta de Juan Barrio a carón da réplica realizada por nós do punteiro de Juan Prieto.
Se entón as gaitas que fabricaba Juan Barrio tiñan esas enormes campás, como xa apuntaba Alberto Jambrina [Alberto Jambrina Op. Cit.], achámonos de novo cunha incongruencia. Se Juan Barrio fabricaba estas gaitas de grandes resoadores, do que temos xa tres testemuñas, habería entón que explicar dúas cousas: a datación da gaita de Juan Prieto antes do nacemento de Juan Barrio e as enormes diferenzas entre o (-s) punteiro (-s) que os gaiteiros de Pedrazales din ter adquirido a Juan Barrio e esta gaita de Juan Prieto tamén presuntamente fabricada por Juan Barrio. Tanto as diferenzas estruturais entre os punteiros de Pedrazales e o de Prieto Chimeno, como a datación deste son datos obxectivos e son compatibles con que esta gaita fose vendida a Juan Prieto por Juan Barrio. Outra posibilidade que tamén temos perfectamente documentada na tradición é que a gaita de Juan Prieto Chimeno fose a que este home empregou como patrón inicial para fabricar as súas, desbotándoa despois (vendéndoa neste caso), un fenómeno perfectamente coñecido entre os artesáns antigos (e modernos), que sempre comezan a fabricar copiando algún modelo precedente da zona que lles semella adecuado. Isto explicaría a alta datación deste punteiro. Sendo esta a hipótese a adecuada, entón o punteiro que Ceferino Espada asignou a Juan Barrio non saíu das mans deste artesán. Isto tería que ser explicado doutro xeito, ou ben Juan Barrio lle vendeu un punteiro que non fora fabricado por el, ou Ceferino se sumou ao mito deste gaiteiro, consciente ou inconscientemente. Sumarse ao mito aínda acontece hoxe coas gaitas de Manuel Villanueva, non é tampouco ningunha novidade.
Pode semellar curioso que un portador dea unha información oral errada, mais diremos en descargo de calquera informante que así fala que isto é un fenómeno moito máis habitual do que puidera semellar, por exemplo, o mesmo Julio Prada dicía ter mandado fabricar o seu punteiro (información persoal de Edelio González), pero tanto a elevada datación deste punteiro, como un enorme desgaste no lugar de apoio do maimiño superior, que Julio non usaba, indican que este punteiro é moito máis antigo que Julio Prada e que foi tocado polo menos por outro gaiteiro anterior. Simplemente quizais quen lle vendeu o punteiro díxolle que era novo, ou a súa memoria fallou. O mesmo caso puido acontecer aquí, sen que isto reste nen un ápice ao mérito que Modesto e Tarsicio teñen, tanto pola conservación do seu tocar como pola súa habilidade na construción de gaitas e palletas, sendo o único caso que coñecemos no nororeste de gaiterios tradicionais que seguen a tocar con modelos orixinais de palletas construídas por eles mesmos, se exceptuamos uns poucos casos en Asturias.
Sexa como for a auténtica historia, que quizais nunca saberemos con precisión, o interesante é que a gaita de fol de Juan Prieto Chimeno é un extraordinario instrumento, tanto pola súa factura, como polo seu son, claramente encadrable na tradición sanabresa, unha tradición que contou cun mito: Juan Barrio, establecido tanto polas boas gaitas que construía, como polo seu magnífico xeito de tocar. Un caso máis que reforza unha constante observación no noso traballo de campo: aqueles que construíron as mellores e máis míticas gaitas de fol do noroeste foron sempre artesáns que eran, ademais, gaiteiros de grande renome.