Gravación realizada polo Museo de Pontevedra da charla que demos alí mesmo o 16 de febreiro de 2024 adicada ás gaitas de fol nesa provincia. A gravación fallou acusticamente e Senén Bernárdez tivo a grandísima amabilidade de arranxar o son o mellor que puido, e introducir as fotografías e diapositivas que fomos poñendo para que quedase audible e visible. Grazas Senén, es un sol!

Nesta charla explicamos como Pontevedra é a zona do noroeste con maior abundancia de tipoloxías de gaitas de fol, concretamente cinco tipos distintos (gaitas de cana, a rosca do Baixo Miño, gaitas de fol sinxelas, gaitas con dous bordóns ao ombreiro, gaitas de barquín y gaitas de ronquillo). Durante as nosas investigacións achamos outros tres datos relevantes: as iconografías das gaitas de fol son o dobre de abundantes, por Km2, nesta provincia, a proporción de gaitas de fol con máis de trescentos anos nesta zona dobra a de calquera outra do noroeste e aquí, en Pontevedra, aparecen algunhas das gaitas de fol máis antigas que temos datado polo método dos desgastes e as datacións de 14C. Nesta charla suxerimos unha hipótese que podería explicar simultaneamente estes catro feitos e avanzamos outra curiosa hipótese de traballo sobre a orixe das propias gaitas de fol.

Tamén afondamos na descrición, historia e xeitos propios de interpretación das gaitas de ronquillo tan particulares que aparecen na contorna da cidade de Pontevedra, das que o Museo de Pontevedra garda varios exemplares relacionados co grande artesán e gaiteiro de Poio, Manuel Villanueva: a gaita de ronquillo tumbal de Perfecto Feijoo, a que o propio Manuel Villanueva se fixo para el mesmo, e unha gaita de ronquillo redonda, datada no século XVII, que lle pertenceu e que foi, moi probablemente, o instrumento co que Villanueva aprendeu. Tamén podedes escoitar en directo a gaita dos Marañóns, achada por José Gil do grupo Picuíñas de Marín e datada no século XVII, e unha reproducción do punteiro con aneis conservado no Museo de Pontevedra, un instrumento do século XVI.