Hai anos que levamos traballando na escritura dun libro sobre a historia da construción das gaitas de fol, pero non foi ata ter establecido un sistema que nos permitise colocalas en orde cronolóxico cando puidemos completar esta tarefa. 

Neste traballo descríbense as dezaoito tipoloxías de gaitas de fol que existen actualmente na península ibérica e Baleares, tipoloxías que establecimos principalmente en base á propia percepción dos portadores e que se basean en diferenzas construtivas, estéticas, musicais (como escalas, repertorios, ornamentación, etc.) e tamén respecto aos usos que se fai delas e aos seus acompañantes. Estas tipoloxías son as gaitas asturianas e cántabras, as que aparecen nas comarcas leonesas, as gaitas Eo-naviegas, as gaitas da Terra Chá, as gaitas de ronquillo chairegas, as gaitas de fol da Galiza interior, as gaitas de catro voces, as gaitas de ronquillo, as gaitas de dous bordóns ao ombreiro (con ou sen barquín), as gaitas que aparecen no distrito portugués Entre-Minho-e-Douro, as gaitas de fol mirandesas e as brigantinas, as alistanas e as súas veciñas sanabresas, aquelas da Região Centro de Portugal, as da Estremadura portuguesa, as gaitas de boto aragonesas e, por fin, os sacs de gemecs cataláns e as xeremies mallorquinas.

 No traballo descríbese con todo detalle como se fabricaron estes instrumentos, que aparecen xa en Portugal e no sur de Galiza dende dende finais da idade media, e como as ferramentas e procesos non mudaron esencialmente dende aquelas ata principios do século XX. Explicamos a historia de todas as ferramentas usadas e tamén os tipos de madeiras empregados en cada zona, tamén como se fabrica cada unha das pezas que compoñen estes instrumentos, con especial atención á construción dos punteiros e aplicamos o descubrimento de Valter Biella do uso dun sistema duodecimal para calcular a posición dos furados, achando que se aplicou tamén no noroeste peninsular. 

No traballo explicamos como se desenvolveu o sistema de datación dos punteiros polos desgastes e como se comprobou mediante probas do carbono 14, así como as conclusións que se puideron tirar despois de aplicar este sistema de datación ás 400 gaitas de fol que puidemos medir e documentar na península e Baleares. Entre estas, as máis notorias son a comprobación da enorme consideración social que tiñan os instrumentos máis antigos polo tipo de materiais empregados (madeiras de importación e marfil), do seu uso ininterrompido dende finais da idade media e tamén o sorprendente achado de que as gaitas de fol son bastante recentes en case toda Galicia, Asturias e Zamora, datando seu uso de aproximadamente finais do século XVIII, mentres que as máis antigas, datadas dende finais da Idade Media, áchanse unicamente en Portugal e nos arredores da vila de Pontevedra. Descubrimos así que a orixe do costume de tocar a gaita de fol instaurouse en época medieval nestas dúas zonas, moi relacionadas, para irse estendendo despois ao resto de Galicia, Asturias e Zamora. Os datos obtidos a partir do modelo de datación coinciden perfectamente coas citas lexicográficas, así como as iconográficas que analizamos tamén con moito detalle.

Tamén describimos a evolución musical e construtiva das gaitas de fol a partir da chegada, a mediados do século XIX das bandas de música e, polo tanto da tonalidade, relatando como Galiza liderou moitos dos cambios acontecidos nas gaitas de fol españolas e portuguesas desde principios do século XX. Tamén describimos con moito detalle como Basilio Carril foi o responsable do desenvolvemento da gaita de fol moderna galega e como Olimpio Carril fixo o propio coas palletas modernas galegas. Este tándem de artesáns, que non eran familiares, desenvolveron o tipo de punteiro que despois da morte de Basilio en 1974, sería imitado polo resto de artesáns galegos a partir do último terzo do século XX ata a actualidade.  

O traballo remata analizando os desenvolvementos que cada palleteiro e cada obradoiro artesán da península e Baleares foi aportando ás súas gaitas de fol ata a actualidade. En total, un traballo de 250 páxinas de texto con 1500 fotografías, titulado “Una aproximación a la historia de la construcción de gaitas de fuelle en el noroeste peninsular” que ben de recibir o “Premio Tenerife al Fomento y la Investigación de la Artesanía de España y América”, instituído en 1990 e destinado a recoñecer os méritos dun traballo de investigación que trate as artesanías e as artes populares de España, Portugal e todos os países de fala española e portuguesa, contemplando calquera das súas múltiples vertentes: investigación, recuperación de artesanías desaparecidas ou en vías de extinción, promoción, comercialización u outros aspectos que incidan no sector.

Dende aquí debemos dar as grazas ao Cabildo de Tenerife, tanto por convocar estes premios e apoiar así aos investigadores, como polo exquisito trato que nos dispensaron.