Hai algo máis dun ano deseñamos un novo instrumento, a Pipa Galega, baseada nas gaitas cilíndricas de palleta sopradas directamente coa boca, uns instrumentos musicais que os nenos fabricaban para entreterse ou practicar no seu camiño cara á gaita de fol dos adultos. Podédela escoitar aquí. No 2017 usamos as gaitas de cana que tamén fabricaban os nenos para deseñar outro instrumento moderno, temperado, estable e fabricado en madeira, ao que chamamos gaita de cana, outro desenvolvemento orixinal do noso obradoiro baseado no noso coñecemento tradicional. Podedes escoitala neste vídeo, ou en este otro, o primeiro gravado con este novo instrumento.
Hai uns meses Luís Soto, frautista da Real Filarmonía, propúxome integrar a Pipa Galega e a Gaita de Cana nun trío de cordas e frauta, o Fisión Atlántica Ensamble, formado por Nikolay Velikov (violín), Ioana Ciobotaru (viola), Álvaro Quintanilla (violonchelo) e Luís Soto (frauta), para interpretar as melodías do Rancho de Reis de Guláns que el mesmo mesturou maxistralmente cos Cuartetos para frauta e trío de cordas de Joseph Haydn (1732 – 1809). O resultado foi a gravación dun disco o pasado 14 de Xaneiro na Igrexa de Guláns, con Casa de Tolos, e unha actuación en directo pola tarde que resultou dunha maxia espectacular. O disco editarase pronto xunto cun libro (Haydn en Guláns) escrito por Suso de Toro.
Nestes vídeos que vos deixo podedes escoitar a Pipa Galega e a Gaita de Cana en diversas partes da gravación, así como do concerto, e ollar o fantástico equilibrio que acadan estes instrumentos derivados de xoguetes musicais infantís coas cordas clásicas. Isto é unha notoria evidencia do valor do noso patrimonio cultural musical tradicional para avanzarmos cara ao futuro!
Os estupendos arranxos para trío de cordas e Pipa Galega ou Gaita de Cana foron realizados por Nikolay Velikov.
Haydn en Guláns. Fisión Atlántica Ensamble (Concerto)
Danza de Arquiños. Fisión Atlántica Ensamble e Pipa Galega (Gravación)
Danza do Pau. Fisión Atlántica Ensamble e Pipa Galega (Gravación)
Danza do Pau. Fisión Atlántica Ensamble e Gaita de Cana (Gravación)
Danza de Paus. Fisión Atlántica Ensamble e Gaita de Cana (Gravación)
Danza do Pau. Fisión Atlántica Ensamble e gaita de cana (Concerto)