Hai algo máis dun ano deseñamos un novo instrumento, a Pipa Galega, baseada nas gaitas cilíndricas de palleta sopradas directamente coa boca, uns instrumentos musicais que os nenos fabricaban para entreterse ou practicar no seu camiño cara á gaita de fol dos adultos. Podédela escoitar aquí.

Con estas características, o son da Pipa Galega resulta semellante ao dunha musette barroca, unha gaita de fol que seguramente se orixinou, como a nosa Pipa, en instrumentos tocados polo pobo.

Hai uns meses Luis Soto, frautista da Real Filarmonía, propúxose integrar a Pipa Galega nun trío de cordas e frauta, o Fisión Atlántica Ensemble, formado por  Nikolay Velikov (violín), Ioana Ciobotaru (viola), Álvaro Quintanilla (violochelo) e Luis Soto (frauta), e así naceu esta colaboración. Moitas grazas Luís e compañeir@s por contar comigo para esta cousa tan bonita!

Deste xeito, o día 14 de xaneiro, na Igrexa de Guláns (Ponteareas) poderedes escoitar os Cuartetos para frauta e trío de cordas de Joseph Haydn (1732 – 1809), nos que Luís Soto integrou maxistralmente as Danzas de Reis de Guláns, que interpretaremos coa Pipa Galega.

Aproveitarase a ocasion para gravar este recital, o que fará Segundo Grandío de Casa de Tolos, e publicarase por Edicións Xerais de Galicia nun libro-disco sobre a figura de Joseph Haydn, baixo a autoría de Suso de Toro.

Aquí tedes o programa e máis algo de información que Luís Soto quixo engadir:

Joseph Haydn (1732 – 1809)
Cuartetos para frauta e trío de cordas coas Danzas de Reis de Guláns.

page1image37508176

J. Haydn – Hob II:D9 – Cuarteto para frauta. Op. 5 No1 en Re Maior

– Danza do Pau (Pipa galega)

1. Presto assai
2. Adagio
3. Menuetto/Trío
4. Presto
– Danza de Arquiños – Pipa galega- Versión I

J. Haydn – Hob II:D10 – Cuarteto para frauta Op. 5 No 3 en Re Maior

– Danza das Castañolas (Pipa galega)

1. Presto
2. Adagio
3. Menuetto

– Danza de arquiños diante do Santo. – Pipa galega- Versión II

4. Trío
5. Presto
– Danza dos paus – Pipa galega

J. Haydn – Hob II: No 1 – Cuarteto para frauta Op. 5 No 4 en Sol Maior

1. Vivace
2. Andante moderato
– Danza de arquiños – Pipa galega- Versión III 3. Menuetto/Trío
4. Fantasía moderato, Tema con variazioni

J. Haydn – Hob II:11 – Cuarteto para frauta Op.5 No 6 en Do Maior

1. Presto
2. Andante moderato
3. Menuetto/Trío
4. Tema: Moderato con variazioni
– Canto de Reis (Coro do Rancho de Reis de Guláns)

As danzas de Reis:

Un rancho de reis é un grupo de músicos que interpretan danzas gremiais ou danzas brancas, formado por cantores, danzantes e músicos, para percorrer a veciñanza pedindo o aguinaldo.

No bispado de Tui atópase un documento no que se fai referencia a unha visita do Rancho de Reis de Guláns a finais do século XVIII.
No tempo da epifanía, Guláns celebra a súa festa do patrón, acompañando ao santo co Rancho de Reis. “O Canto de Reis” interprétase no momento da saída do Santo para levalo en procesión até o nacemento vivinte que cada ano se festexa na parroquia.

A vestimenta tanto feminina como masculina é basicamente de cor branca con sombreiros e gorros moi adornados, tanto de flores como de cristais a xeito de espellos.
As danzas máis frecuentes son: danza do pau, danza de arquiños, danza dos paus ou a danza das castañolas.

*Extraído do traballo de recuperación da memoria, escrito por Denís González.

Os cuartetos:

A maior parte da vida como compositor de Haydn transcorre na corte dos Esterházy, unha adiñeirada familia da nobreza húngara, que o empregou a tempo completo como director musical da corte entre 1761 e 1790, e despois a tempo parcial durante o resto da súa vida.
Durante as súas tres primeiras décadas cos Esterházy, Haydn pasou gran parte do seu tempo na vila, en Eisenstadt, preto de Viena, ou, máis tarde, en Esterháza, o palacio da familia en Hungría.

A posición xunto ao príncipe Nicolás Esterházy outorgáballe un gran prestixio. Pero requiría un importante traballo nas súas facetas de compositor de música de cámara, director da orquestra da corte e arquiveiro. Asumía ademais tarefas administrativo-musicais e debía arbitrar litixios.
Tiña ao seu cargo unha orquestra de máis de 20 músicos, considerada como unha das mellores de Europa.

Aínda que a autoría de Haydn quíxose poñer en dúbida (algunhas obras doutros compositores foron publicadas baixo o seu nome) diversos musicólogos inclínanse a consideralos orixinais por similitudes con anteriores obras instrumentais, en especial cuartetos de corda. Ademais, o especial talento de Haydn por certas sorpresas cheas de enxeño parece non deixar lugar a dúbidas.

Os seis cuartetos para frauta que compoñen o op. 5 de Haydn publicáronse por primeira vez en Ámsterdam en 1767.
Nos últimos anos atraeron a atención dos estudosos porque non se coñecen copias dos cuartetos entre os manuscritos musicais de Haydn; só existen en ferros impresos polo editor de Haydn, Hummel.

Como era de esperar, demostrouse de forma concluínte que varios deles son “inauténticos”, é dicir, composicións que se fixeron pasar baixo o nome de Haydn para aumentar as vendas. Mentres que os números 3 a 6 foron descartados como falsificacións, os dous primeiros cuartetos son arranxos auténticos da música de Haydn.

Compostos en 1765. Publicados en Ámsterdam en 1768.

*Extraído do libro “Historias de la flauta“ de Antonio Arias.

Tamén poderedes escoitar a este fantástico cuarteto nestes outros lugares patrocinado polo Concello de Ponteareas:

Guillade: Mércores 11 de xaneiro ás 20/h
Conservatorio de Ponteareas: Xoves 12 de xaneiro ás 18/h
Xinzo: Xoves12 de xaneiro ás 20/h
Instituto de Ponteareas: Venres 13 de xaneiro ás 12/h
Auditorio de Ponteareas: Venres 13 de xaneiro ás 20/h
Igrexa de Guláns: Sábado 14 de xaneiro ás 19/h. (Gravación de audio e video en directo). Pipa galega: Pablo Carpintero.