Nas provincias de Pontevedra e parte da da Coruña os nenos fabricaban antigamente as gaitas de cana, empregaban tubos de cana ou sabugueiro, fornecidos con lingüetas sinxelas (pallóns) e pequenos foles, feitos dunha vincha dun porco, da pel dun coello ou mesmo dun pequeno pelexo de cabrito, así os foles destas sinxelas gaitas de fol ían medrando conforme os nenos o ían facendo. No resto de provincias galegas os nenos non empregaban estas gaitas de fol, simplemente tocaban con estes mesmos instrumentos pero sen fol. Na provincia de Lugo e parte da de Ourense os rapaces non usaban sequera instrumentos de lingüeta sinxela fabricados de cana como instrumentos de aprendizaxe, senón que empregaban no seu lugar as pipas de castiñeiro, óboes fabricados coa codia desta árbore.     

Empregando este coñecemento infantil, baseándonos nestas gaitas de cana con fol, desenvolvemos hai xa seis anos as primeiras gaitas de cana con pallón sintético e escalas temperadas en Re e Do, mais non se podían facer cromatismos con elas, pois a teoría dinos que un tubo de lingüeta sinxela e cilíndrico non pode dar alteracións mediante dixitacións de forquita. Despois de varios anos investigando e perseguindo un xeito de poder facer estes cromatismos, finalmente, empregando un sinxelo principio biolóxico, conseguimos a primeira gaita de cana cromática. Aquí a tedes, un instrumento coa tónica en Do. Imos agora polo de Re.