Nada nos comprace máis que ir vendo como o traballo de máis de trinta anos de investigación e documentación das nosas gaitas de fol máis tradicionais vai dando os seus froitos. Estes fanse patentes cando os gaiteiros van sendo seducidos polos sons das gaitas antigas. Mais é especialmente cando fabricamos unha réplica da gaita de Perfecto Feijoo cando sentimos algo máis especial, pois este home foi o mestre de meu avó José Luis e, cada vez que fago unha réplica da gaita de Don Perfecto, sinto revivir o forte vencello que aínda me xungue a meu avó.
Vaia para os dous e tamén para Manuel Villanueva, quen ten o verdadeiro mérito destas gaitas, unha lembranza agarimosa dun eslabón máis desta cadea de gaiteiros da que todos os que amamos estes antigos instrumentos formamos parte.
Eí vai logo unha gaita de ronquillo como a de Perfecto Feijoo para as mans dun dos nosos grandes gaiteiros, home que perpetúa así unha tradición que, como agora sabemos, ten máis de 500 anos: Óscar Ibáñez.
Podedes ver máis información sobre estas gaitas aquí.